‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ chega ao Salón Teatro cun elenco de grandes profesionais

V. Álvarez

Santiago. O mundo do fútbol profesional e todo o que o rodea é o microcosmos no que se somerxe Recortes, caneos e outras formas de driblar, un espectáculo de gran formato que se estrea hoxe no Salón Teatro de Santiago. A obra toma como base a investigación que desenvolveu Nacho Carretero para o seu novo libro, que sairá á venda nos próximos meses. A fórmula de levar o xornalismo ás táboas xa foi empregada no exitoso espectáculo teatral Fariña, que conseguiu achegar novos públicos a desfrutar nos teatros.

Ao escenario do Salón Teatro subirá un equipo de primeira: Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Isabel Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta. Coa dramaturxia de José Prieto e baixo a dirección de Tito Asorey, este elenco representará unha multitude de personaxes —xogadores, adestradores, xornalistas, directivos, árbitros, seareiros...— que nos aproximarán as historias máis escuras e descoñecidas do ámbito futbolístico. Mesturar fútbol e teatro é un xeito novo e orixinal de achegar ao público á realidade social que nos rodea. Recortes, caneos e outras formas de driblar xunta dúas formas de entretemento que semellan moi distantes no imaxinario social, para rachar coa idea de que certos tipos de cultura están limitados a un público concreto e exclusivo.

Recortes, caneos e outras formas de driblar é unha produción de Ainé e o Centro Dramático Galego. O espazo escénico é obra de Jose Faro, “Coti”; Laura Iturralde é a responsable da iluminación e audiovisuais, e Laura Baena a deseñadora do vestiario. Completan o equipo desta nova produción Sara Rey como asistente de dirección, Vadim Yukhnevich como compositor das músicas e Rosa Moledo como asesora lingüística.

No enlace web recortes.gal pódense adquirir as entradas para os pases que haberá no Salón Teatro de Santiago ata o 23 de outubro, así como para as funcións que lles seguirán noutros puntos da comunidade galega. V.Álvarez