libros. ‘ComPOPstela, música moderna en Santiago (1954-1978)’ foi presentado na Sede de Afundación // Pertence ao Consorcio e é obra de Alfonso Espiño Louro, cantante santiagués que estudou os grupos, locais e orquestas de éxito na cidade durante case 25 anos TEXTO Valentín Álvarez

Repaso da nosa historia musical

Libros
Valentín Álvarez

O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela acaban de presentar o libro ComPOPstela, música moderna en Santiago (1954-1978), pertencente á Biblioteca de Divulgación Xacobea do Consorcio e escrito polo doutor en Historia da Arte Alfonso Espiño Louro.

Á presentación acudiron a xerente do Consorcio, Belén Hernández, a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, María del Pilar Murias Fernández, e os responsables de publicacións de Consorcio e Universidade, Juan Conde Roa e Juan Blanco Valdés, ademais do propio autor. Neste libro, Alfonso Espiño Louro esmiuza os máis variados aspectos que rodearon os conxuntos formados en Santiago nas décadas douradas da música pop e desvela aspectos como cal foi o primeiro conxunto musical galego en saír por televisión, se realmente se formou un grupo moderno nas torres da Catedral, onde se mercaban as guitarras Los Chelines ou se é certo que un picheleiro foi teloneiro dos The Kinks en 1966. Conta, ademais, cun prólogo de Juan Gelabert, dividíndose posteriormente en sete capítulos.

Segundo Espiño, ComPOPstela lémbranos que os ambientes universitarios santiagueses foron o pano de fondo dun temperán desenvolvemento da guitarra eléctrica (1953) á vez que o lugar onde deron os seus primeiros pasos musicais algúns dos compoñentes clave dos futuros Tamara, ou a probeta onde se xestou o primeiro supergrupo galego. Nesta exhaustiva publicación, froito dunha investigación de varios anos, recóllense milleiros de datos da música en Santiago durante un período de 24 anos. Este libro, indica o seu autor, pode ser lido ben de maneira lúdica e desenfadada -gozando das moitas anécdotas e dos centos de entrañables e divertidas imaxes que contén, inéditas na súa maior parte- ou ben como un libro de consulta, xa que a cantidade de datos que aporta axudarán a poñer coto a vellos mitos e rumores que, esperamos, queden dunha vez enterrados. Así mesmo, nesta obra faise un continuo repaso dos locais de éxito na capital galega ao longo dos anos, incluindo ademais as orquestas de baile favoritas, os personaxes máis curiosos das rúas relacionados coa música moderna, ou información sobre a Sociedad Compostelana de Festejos e Sindicato Galego de Música.

SINOPSIS. Cal foi o primeiro conxunto musical galego en saír por televisión? Realmente formouse un grupo moderno nas torres da Catedral de Santiago? Onde se compraban as guitarras? Estas e outras interrogantes desvélaas o autor deste completo manual para coñecer a música compostelá destas décadas douradas da música pop, acompañado de numeroso material fotográfico inédito.

Sobre o autor. Alfonso Espiño Louro (Santiago de Compostela, 1976), é un amante da música, segundo conta, foi un neno moi bailón e cantarín nas décadas dos 70 e oitenta. Pertenceu a grupos como Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit ou Los Chavales e en 2016 comezou a súa andaina en solitario co nome de Espiño. Nesta aventura, lanzou en 2017 un álbum co seu propio nome, do cal destacan sons coma Rebobina, Sen dúbida, Florinda ou Ovni sobre o Val do Dubra. Tamén lanzou singles esporádicos coma Flores, tambores e ilusións, ou, neste 2022, Deitado na area. ComPOPstela, música moderna en Santiago (1954-1978) trátase da súa primeira obra escrita. É doutor en Historia da Arte na especialidade de Música, licenciado en Filoloxía Inglesa e realizou un Mestrado en Xestión Cultural pola Universidade de Santiago.