Retómase o Melonafest mesturando concertos e actividades formativas

Música
Redacción ECG
As actuacións musicais teñen lugar na Sala Malatesta. Foto: ECG

cultura. O colectivo cultural santiagués Melonafest volta esta semana cunha proposta reducida do festival, despois do parón motivado pola covid-19. Ata este domingo, bandas e artistas emerxentes do panorama estatal e galego ofrecen un programa de concertos e actividades de formación e divulgación arredor das artes. Serán tres días de música, cultura e reencontros que prometen continuar a estela de pasadas edicións, e recoller o testemuño truncado no 2020 para voltar ao camiño da creación en vivo.

A sala Malatesta é este ano o espazo escollido para a música. Hoxe será a quenda do pop naif de Mariagrep e os beats house do artista emerxente Rusowsky. Mañá culminarán o traballo as voces das andaluzas Adiós Amores, que atraen unha órbita que se move entre a vangarda e a tradición. A aposta polo panorama autóctono atraerá nomes como Ronroneo, á vez que se mantén o talento peninsular da man de Cabiria (Eva Valero) ou Sofia, a deriva urbana de Chico Blanco e a rumba autodidacta de Paco Moreno.

Paralelamente, de balde e ata completar aforo, ofrécense outras actividades impartidas por profesionais con acreditada experiencia no seu ámbito, que terán lugar durante a celebración do certame no Riquela Club. ECG