Sae a cuarta edición da biblia en galego, con revisión lingüística

El Correo Gallego
A revisión lingüística da biblia estará de acordo coas normas en vigor da Real Academia Galega

A Editorial SEPT anuncia a presentación da cuarta edición da biblia en galego, revisada lingüisticamente, que terá lugar este martes 12 de xullo de 2022, ás 6 da tarde, na Aula Magna do Instituto Teolóxico Compostelán (edificio do Seminario), en Santiago de Compostela. Esta edición conta co patrocinio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22, e no acto intervirá, ademais do conselleiro de Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, monseñor Julián Barrio Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela; Francisco Domínguez Martínez, presidente de SEPT, e José Fernández Lago, biblista supervisor da edición e deán da Catedral de Santiago. A primeira edición da Biblia en Galego de SEPT saíu á luz no ano 1989, logo houbo dúas edicións posteriores en 1992 e 2001, estando esgotada esta última desde hai máis de cinco anos. A edición que se vai presentar é o resultado dunha revisión lingüística, de acordo coas normas en vigor da Real Academia Galega.