Saen a refulxir nun libro as pegadas de Ricardo Carvalho Calero en Santiago

A obra de Xosé Ramón López Boullón conta con varias fotografías históricas do Arquivo de EL CORREO que recollen o paso do galeguista pola cidade// Inclúe os seus itinerarios no casco vello
Redacción ECG

O Consello da Cultura Galega acolleu onte a presentación do libro A Compostela de Scórpio. A Compostela de Ricardo Carvalho Calero, que ten como autor a Xosé Ramón López Boullón, docente e coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Divino Maestro de Santiago, e editada por Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ademais do autor, participaron no acto de presentación Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Juan Manuel Buján, presidente de Escolas Católicas. Unha vintena de persoas, capacidade máxima permitida polas restriccións covid, arrouparon o autor.

Juan Manuel Buján destacou o labor de dinamización lingüística que se está a promover desde Escolas Católicas, entre elas, a difusión de materiais, recursos... de elaboración propia, como a publicación de diversas unidades didácticas centradas nos persoeiros das Letras Galegas, ou como a obra obxecto da presentación, A Compostela de Scórpio. Pola súa parte, Rosario Álvarez e Valentín García coincidiron na importancia de continuar afondando e divulgando a vida e obra de Ricardo Carvalho Calero, así como a dos persoeiros aos que se lles dedica o Día das Letras Galegas anos despois de homenaxealos, ademáis do importante labor de documentación realizado por parte do autor con esta obra.

O obxectivo fundamental da publicación consiste en dar a coñecer uns itinerarios que pretenden ofrecer a quen a el se achegue un roteiro secuenciado, vivo e aberto; percorrer os lugares: rúas, prazas, edificios, pousadas, cafés, institucións; coñecer as persoas e os proxectos que dan sentido e nos van contando o relato da súa vida en Compostela, con planos, mapas, fotografías, recortes de prensa, cartas, etc. que permiten visibilizar e comprender mellor a Compostela de Carvalho Calero.

PERCORRIDO. En A Compostela de Scórpio, á que se pode acceder en aberto no apartado de Publicacións da páxina web de Escolas Católicas, Xosé Ramón Boullón realiza un percorrido polos lugares polos que transitou Ricardo Carvalho Calero na cidade compostelá. Espazos que nos descobren como era a vida social e estudantil do seu momento, as súas relación sentimentais; os seus lugares de aventuras encubertos; as amizades semiclandestinas; as relacións co profesorado; as circustancias sociais e políticas nas que viven, que cumpría mudar, que expresan o modo de vivir propio dunha sociedade androcéntrica e que os estudantes proxectan no seu espazo vital.

LÍDER ESTUDANTIL. Destacou Xosé Ramón Boullón a importancia de “percorrer as rúas que transitaba. Pasear e achegarnos ao espazo sobre o que pivota a súa vida. Compostela, espazo afectivo dos anos da súa formación universitaria, onde o mozo Ricardo está feliz”. Onde estuda dúas carreiras e onde se converte “nun resolto líder estudantil, galeguista, protagonista da cultura emerxente, comprometido con e por ela, cunha dedicación e intensidade extraordinaria, promovendo e organizando actos, charlas, como poeta, como membro do SEG no que ingresa o ano seguinte de chegar a Santiago, colaborando en revistas e publicacións, con artigos e poemas seus”.

Ademais, Xosé Ramón Boullón agradeceu o apoio de persoas e entidades que facilitaron recursos e material para elaborar este exemplar, entre eles, o Arquivo histórico de fotografía de EL CORREO GALLEGO.