A asociación compostelá sobre este xénero musical organiza este sábado o Festival ‘Morriña’, cunha xornada cargada de actividades para os amantes do ‘lindy hop’, o seu baile característico // Os seus ritmos frenéticos, co obxectivo de recuperar a vitalidade, a ledicia e a diversión, contaxiarán a todos TEXTO Brais Fdez.

Swing para recuperar a vida social

Música
Brais Fernández
por mi swing. A divertida banda lucense actuará ás 21.00 horas na Malatesta, nun concerto no que farán participar ao público. Foto: Por Mi Swing

Co gallo de espallar o espírito de vitalidade, ledicia e diversión, chega este sábado a Compostela o Morriña Swing, un festival cargado de actividades para difundir este estilo musical e o seu baile característico, o lindy hop. A xornada, aberta a todos os amantes deste xénero, desenvolverase ao longo de todo o día entre o Riquela Club e a sala Malatesta.

Organizado pola asociación Compostela Swing, en colaboración co Concello, o evento busca poñer en valor un baile que naceu na comunidade negra de Estados Unidos hai case un século e que nas últimas décadas está vivindo un auténtico boom en toda Europa.

“É unha invitación para toda Compostela e para todo aquel que desexe coñecer un pouquiño o swing e o seu baile. É unha boa oportunidade para achegarse a esta música, para aprender, para compartir esa alegría típica deste xénero e para desfrutar dela”, apuntan dende a organización.

Dentro desa nova moda, Santiago, onde se leva desenvolvendo este baile dende hai arredor de seis anos, converteuse nun referente a nivel galego, xunto a Vigo e A Coruña. “Moitos cidadáns da cidade achegábanse aos bailes sociais que organizábamos antes da pandemia e que intentaremos recuperar pronto, porque esta música favorece a compartir experiencias e liberar unha serie de emocións”, destacan.

Agora que Galicia se atopa xa no nivel de “nova normalidade”, tras un longo período de ano e media de pandemia no que non puideron bailar como lles gustaría, chega o momento para que os lindy hoppers da capital volvan a desfrutar destes ritmos frenéticos.

“O swing e o seu baile poden aportar o seu gran de area na recuperación da vida social e emocional da cidade. Trátase dunha danza que arrinca moitísimos sorrisos. Nunca se ve a ninguén bailando swing sen esa ledicia característica. É un baile moi alegre, que invita a socializar e bastante improvisado, polo que non se precisan ter coñecementos previos”, detallan.

Por iso, desde a asociación animan a todas as persoas interesadas a participar nas actividades previstas para este sábado, tanto no espazo do Preguntoiro coma no de San Lourenzo, que inclúen unha charla sobre a historia do swing, un par de pinchadas, un concerto e obradoiro de iniciación ao lindy hop (e outro intermedio para os pros).

“Animamos a todos a que acudan a esta festa cunha mente moi aberta e sen ningunha preocupación. Non fai falla ter ningún estudo previo, só ter gañas de pasar un bo rato”, explican sobre un baile en parella que se caracteriza por unha participación interxeneracional.

Por este motivo, nunha liña de apertura e de mellora sanitaria, consideran que este evento é unha boa forma de volver a desfrutar da vida social. A el, sinalan, achegaranse ademais membros das asociacións da Coruña, Vigo e Lugo, polo que tamén suporá un punto de encontro para todos os adeptos deste estilo, despois de moitos meses nos que tiñan que celebrar reunións telemáticas, primeiro, e bailar con parellas fixas, despois. “Neste momento de postpandemia que estamos a vivir, con esa alegría grupal e ese ritmo que se contaxia, agardamos que este festival sexa liberador”, conclúen.

ORIXE. O berce da música swing e do seu baile sitúase, precisamente, noutro momento histórico duro, o da Gran Depresión americana de finais dos anos 20 do pasado século. Naquel contexto, o xénero ofreceu un espazo social de diversión e de desconexión dos problemas cotiás. Caracterizouse ademais por transmitir valores de respecto e tolerancia ás diferenzas raciais, culturais ou relixiosas, uns valores que seguen formando parte hoxe en día do movemento.