o TESTemuño

“Lorca foi o máximo expoñente”

Xesús Alonso Montero
Expresidente Real Academia Galega
El Correo Gallego

No libro que recopila algúns dos escritos de poetas alófonos en galego hai unha firma moi especial: a de María das Falas, que asiña un poema escrito en galego, castelán, catalán, esperanto, latín, provenzal e barallete, a fala gremial dos afiadores. María das Falas é un seudónimo de Xesús Alonso, ata o 2017 presidente da Real Academia Galega.

O poeta e ensaísta recorda que os anos 50 e 60 foron os máis esplendorosos da poesía alofónica. “Lorca foi unha peza clave. Cinco dos seus poemas galegos publicounos a editorial Nós en 1935, dirixida por Ánxel Casal, asasinado en 1936, igual que Lorca”. Dos poetas alófonos do Congreso, pese ao falecemento de moitos, quedan algúns en activo como a madrileña María Fernanda Santiago Bodaños.