arte. Publicada pola Fundación Barrié, mecenas do proxecto de recuperación, e por Assouline, esta monografía amosa imaxes do antes e despois da obra // Conta con dúas posibles edicións, unha delas de gran formato, encadernada a man nun taller en Italia e presentada nun estoxo de seda TEXTO X.F.

Un libro de luxo amosa o proceso de restauración do Pórtico da Gloria

El Correo Gallego
“EL PÓRTICO de la Gloria. Una restauración”, contraportada

Fixeron falla máis de doce anos e 50.000 horas de traballo para recuperar o esplendor do Pórtico da Gloria. O proxecto de restauración durou máis de dez anos, tempo de espera para todos os que querían ver o sorriso do profeta. Foi, sen dúbida, un dos acontecementos máis relevantes no campo da conversación artística dos últimos anos.

Sobre este proxecto de recuperación do patrimonio histórico e cultural galego —financiado en exclusiva pola Fundación Barrié, cunha inversión de máis de seis millóns de euros— trata o libro Pórtico de la Gloria. Una restauración, presentado este verán pola mesma Fundación Barrié e a editorial Assouline.

Estamos ante unha xoia editorial cuxa publicación é sincrónica á celebración do Ano Xacobeo 2021. Ao longo das súas 220 páxinas e fotografías a toda cor (150 imaxes, concretamente), a obra fai un repaso por ese longo camiño que foi a restauración do Pórtico. As fotografías seleccionadas, moitas delas de carácter inédito, amosan con claridade o deterioro que asoballaba a obra antes de ser intervida. Así, as páxinas enfrontadas permiten ver un “antes” e “despois” do estado das esculturas, das que nos impresionará a restauración dos motivos decorativos e conservación da policromía.

Este libro conta dúas posibles edicións a escoller: a edición coleccionista, pertencente á serie Legends de Assouline, ou a edición pertencente á serie Icons. Polo que respecta á primeira, trátase dunha edición exclusiva e moi limitada, cunha tirada de só 1.000 exemplares de gran formato. De seguro non se escatimou en gastos: os libros desta edición capsula foron fabricados a man nun taller de encadernación italiano, e están presentados nun estoxo revestido de seda. As dimensións dos exemplares alcanzan nada menos que 35x28x4 centímetros e 3,55 quilos. O prezo é de 195 euros.

A segunda edición é máis accesible, aínda que o número de páxinas e imaxes permanece inalterado. Neste caso, a tirada foi de 2.500 exemplares: o formato é menor, de tapa branda, e o prezo de 30 euros. A edición Icons poderá adquirirse só na Libraría Fundación Barrié (Cantón Grande, 9, A Coruña) e na súa páxina web, www.fundacionbarrie.org, mentres que a edición de luxo, Legends, estará tamén dispoñible no espazo web da editorial Assouline. A versión de Icons está exclusivamente en castelán, e Legends poderá atoparse tanto en castelán coma en inglés.

Por suposto, a escolla desta editora como encargada da publicación do libro non é trivial; pois Assouline é unha editorial coñecida internacionacionalmente pola elevada calidade das súas publicacións e a elegancia da que dota cada proxecto. Os seus fundadores, Prosper e Martine Assouline, definen a súa empresa como “a primeira marca cultural de luxo”. Entre os seus libros estrela atopamos The impossible collection of Wine, do sommelier Enrico Bernardo, ou Reverso, acerca da historia da marca de reloxes de alta gama Jaeger-LeCoultre. Algunhas das súas ediciós de luxo superan os 900 euros.

Pórtico de la Gloria. Una restauración comeza cun prólogo de Gaël de Guichen, integrante do Comité Científico del Proyecto de Conservación Preventiva y Restauración del Pórtico de la Gloria, ademais de asesor do director xeral de ICCROM (The International Centre for the Study of the Preservation and Restoration of Cultural Property). Trátase de toda unha referencia no terreo da conservación preventiva dos bens culturais, e o seu prólogo fai referencia ás dúbidas que asaltan a todo peregrino cando chega ao Pórtico da Gloria e, inevitablemente, se pregunta como sería esa labor de recuperación —“Cómo ha sido posible llegar a este resultado sin añadir nueva pintura sobre la superficie del Pórtico, tal como le aseguran los guías del monumento; tal y como insisten una y otra vez los técnicos”, formula de Guichen—. A resposta a estes misterios, di, atópase no libro.

En verbas do presidente da Funcaión Barrié, José María Arias Mosquera, a razón de publicar este libro en 2021, ademais do Xacobeo, responde a realizar unha homenaxe a Carmela Arias y Díaz de Rábago no centenario do seu nacemento, por “consagrar su vida a defender el legado de su marido, nuestro fundador Pedro Barrié de la Maza”.

Esta non é a primeira publicación de divulgación realizada pola Fundación: o libro segue a estela doutras accións de divulgación emprendidas por Barrié antes, durante e despois do Proyecto de Conservación Preventiva y Restauración del Pórtico de la Gloria. Por exemplo, as visitas aos andamios, que permitiron a todo o público interesado a ter unha visión privilexiada da execuación da obra; ou tamén as diversas exposicións celebradas internacionalmente, nunha labor de visibilización da importancia do Pórtico da Gloria no contexto do románico, o primeiro movemento de arte internacional europeo.

Unha vez concluido o proxecto, a Fundación Barrié tamén quixo por á disposición dos visitantes da obra unha visión detallada desta, coa dobre funcionalidade de servir para aqueles aos que non lles foi posible vela. A través dunha app descargable de forma gratuíta en Google Play e Apple Store, pódese acceder a unha vista dixitalizada do Pórtico da Gloria, en resolución gigapixel, que vai acompañada, ademais, de narrativas en forma de storytelling, xunto con outros contidos.

De entre toda esta labor enfocada a promocionar a importancia do Pórtico e da súa restauración, Pórtico de la Gloria. Una restauración emerxe como o paso definitivo. Non só permite coñecer paso a paso cal foi ese percorrido de recuperación, prolongado máis de dez anos, senón que o fai nunha edición que prima o soporte e a calidade. Retómase a idea de que os libros son xoias, e deben ser tratados con exquisito coidado. Xoias como o Pórtico da Gloria, que recibíu este mesmo coidado e delicadeza na súa restauración.