Pico Sacro, Pedroso, Monte do Gozo... A nova Senda Mitolóxica do Monte Viso únese á libreta de excursións que están realizando moitos picheleiros para facer algo de deporte ao aire libre nestes momentos de pandemia sanitaria // As figuras foron instaladas a finais do 2020 TEXTO Andrea Oca

Unha ruta máxica: divisar Compostela desde o alto do Viso

ECG Redacción
Unha moura agochada entre as árbores do Viso. Foto: Raxoi

No Viso déitase a cúpula estelar, que é enxoito, ermo, de poucas falas, capa remontada... Estas palabras son do escritor ourensán, fascinado por Compostela, Ramón Otero Pedrayo. Corresponden a un fragmento da súa obra O espello no serán, que leva por subtítulo Entre o Pedroso e o Viso. E así o recolle o tamén escritor Henrique Alvarellos no seu completo informe sobre esta parte da natureza de Compostela.

O Monte Viso pode que sexa un descoñecido para aqueles que estean máis familiarizados co Pedroso, o Pico Sacro ou Monte do Gozo. Ata o momento non estaba demasiado habilitado para poder subir con relativa comodidade, algo que dende finais do pasado ano xa é posible grazas á unha nova senda que inclúe figuras mitolóxicas. Pódese acceder desde varios puntos, sendo un dos máis transitados nas últimas semanas o de San Lázaro, preto do estadio. Tamén se pode ir a través do Gaiás ou desde a aldea do Viso. A nova senda permite desfrutar dun panorama completo de Compostela desde o seu cumio de 397 metros de altitude. Os que cheguen ata alí, e sempre que a meteoroloxía o permita, poderán observar o Pico Sacro, o val do río Ulla, o Monte do Gozo o Monte Pedroso, o Gaiás coa Cidade da Cultura e, por suposto, a cidade de Compostela. De feito, Viso provén do latín videre e significa “ver, divisar, examinar, revisar”.

Pero o Viso agocha moito máis, xa que é fiel relato do pasado polo que nos permite retrotraernos aos tempos dos romanos ou dos suevos. Entre as súas pedras e a terra dos camiños quedan roleiros do tempo dos suevos, no século V, o cal permite deducir tamén que no Viso habería xa un asentamento humano nese século. É dicir, a semente do sistema agrario galego e da poboación están tamén agochados entre as herbas do Viso. E, xa máis modernas, tamén hai minas abandonadas que son restos do proxecto as Minas del Sar S.A, que nunca chegou a materializarse. Do século XIX permanece en pé a Curtidoría do Viso, que mesmo conserva o rótulo e a cheminea, e que dá conta do papel fundamental de Compostela na produción de coiro a nivel estatal. Na capital galega chegouse a producir nese tempo ata o 30 por cento do coiro de toda España.

Dende o Viso podía observarse o que se coñece como Aseconia, un primitivo asentamento poboacional da época romana. Este estaría situado onde agora se ergue a Catedral. En todos eses séculos, o Viso, ao ser en parte descoñecido, conseguiu manter parte da súa esencia: conserva sen alteracións o seu perfil, o debuxo que forma coa silueta da vila. Precisamente, este era un dos accesos á cidade medieval, e conformaba unha variante do Camiño Francés. Polo que para todos os amantes da Ruta Xacobea, é un desvío que merece a pena coller antes ou despois de visitar o Obradoiro.

Así, a nova cara que luce o percorrido ata o Viso súmase ás alternativas de ocio na natureza que ofrece a cidade. En palabras de Otero Pedrayo, el Pedroso y Santa Mariña, el Viso y los agros de Ramírez y la Selva Negra de los románticos amada, como los capiteles y los labriegos, guardan una juventud –quizá una no del todo desvelada adolescencia— bajo sus viejas facciones [...] El Viso apura la secuencia del yermo.