Verea aposta por unha Compostela máis deportiva coa Cidade do fútbol

Anunciou tamén a celebración do
Primeiro Maratón Internacional
Redacción ECG
Borja Verea, candidato á alcaldía polo PP, nunha xuntanza do ciclo de conversas ‘#SoñarSantiago’

Santiago. Borja Verea, candidato á Alcaldía de Santiago polo PP, mantivo onte outra xuntanza dentro do ciclo de conversas #SoñarSantiago, nesta ocasión con entidades deportivas da cidade. Co obxectivo de falar da situación do deporte en Compostela, acompañárono o presidente do Club Hockey Raxoi, Arturo Pereiro, e o coordinador deportivo do Victoria F.C., Francisco Javier García. Neste encontro, ao que asistiron representantes de máis de vinte clubes deportivos, abordáronse temas tan importantes como a necesidade de apostar dunha maneira real polo deporte en Compostela, ou os problemas co cobro das subvencións.

Durante a súa intervención, Verea expuxo que, de conseguir a maioría suficiente na primavera do 2023, o deporte terá un importante peso na súa política municipal posto que considera que “debemos recuperar o orgullo de cidade, somos a capital de Galicia e temos que empezar a captar grandes eventos deportivos e converter a Santiago nun referente do deporte”.

Así, anunciou a aposta pola Cidade do Fútbol San Lázaro coa construción de dous novos campos de fútbol a maiores do que xa se usa como campo de adestramento na contorna. Con estas novas instalacións pretende cubrir as necesidades que ten a cidade neste eido xa que a día de hoxe co número de equipos de fúbtol que existen na cidade, afirma, resulta imposible que os clubes cubran as necesidades de adestramento e incluso cadrar partidos para que ninguén quede fóra.

Así mesmo, Verea explicou que as novas instalacións contarán cun graderío central que atenderá os dous campos. Ademais o edificio principal servirá de ximnasio e sala multiusos a disposición de toda a veciñanza. “Necesitamos que Santiago se convirta nun referente a nivel deportivo”, insistiu Verea, “e as políticas que se levaron a cabo na cidade nos últimos anos o que fixeron é todo o contrario, que cada día sexa más difícil sacar adiante un clube deportivo se non estás na elite”. E engadiu: “a posta en marcha desta Cidade do Fútbol servirá para devolver a Compostela á primeira liña en instalacións deportivas e cubrir unha demana histórica”.

En canto a instalacións deportivas pendentes tamén se comprometeu a poñer en marcha a piscina e pabillón de Santa Marta que Bugallo non executou a pesar de ser un dos seus proxectos estrela”. Anunciou tamén a organización do I Maratón Internacional, con chegada na Praza do Obradoiro, no caso de gobernar.

DEMANDAS. Pola súa parte, o presidente do Club Hockey Raxoi, reivindicou máis instalacións para un deporte que ten representación ao máximo nivel nacional, xa que a día de hoxe “teñen que desplazarse 80km para poder adestrar en condicións”. Lembrou ademais que en repetidas ocasións ten solicitado máis espazos ao concello e que hai un problema na xestión dos mesmos. Na mesma liña falou o coordinador deportivo do F.C. Victoria, quen insistiu na falta de campos de fútbol na cidade e na pouca implicación por parte do goberno municipal nas actividades deportivas de Compostela. En definitiva, todos os clubes coincidiron en que hai moito que arranxar en materia deportiva. ecg