Xosé Ferreiro Garea, músico compostelán

Firmas
Dr. Alfonso Espiño
Xosé Ferreiro á batería. Foto: A. Turbau

lembro a A Xosé Manuel Ferreiro Garea de sempre. Lémbroo de toda a vida, e non é unha esaxeración. Quixo o destino que fósemos veciños en dous barrios e épocas distintas, en Santiago. Pouco recordo teño de cando eu vivía cos meus pais nun ático da rúa Amor Ruibal en Pontepedriña, nos anos duros da Transición, pero si teño unha idea dunha parella cun aspecto bohemio, tirando a hippy, que vivía no mesmo quinto piso ca nós, porta con porta. Eran Xosé Ferreiro e Toya. A miña familia deixou Pontepedriña no tempo do famoso 23-F, en 1981, cando eu tiña catro anos e medio. Mudámonos á rúa de Sar, e alí tamén viñeron vivir os Ferreiro, na zona de Curros Enríquez. Na adolescencia fixen amizade con Martiño, fillo de Xosé, e tamén daquela entrei activamente no mundo da música, coñecendo o xa por entón lendario estatus da formación N.H.U., na que Ferreiro era o batería. El e Roberto Abal gañaran un certame musical do colexio Peleteiro no curso 1969/70 no que cantaron Rain, de José Feliciano. O éxito animounos a formar o conxunto Los Trucos (con Ricardo Guarriarán e Jaime Morales), que co tempo foi derivando no grupo Question, de ideas máis avanzadas e no que militaron Emilio Cao, Ricardo Máiz ou Antón Porteiro. Tal era o amor de Ferreiro pola música que deixou os estudos de Medicina para profesionalizarse xunto ós remanentes de Question, que se converteron no grupo N.H.U. ensaiando intensivamente, tódolos días, de nove da mañá a unha e media do mediodía e de catro a oito e media da tarde. Coas influencias do blues, o jazz, a psicodelia e o rock progresivo, romperon esquemas e abriron mentes a partir de 1973 en Galicia, chegando a gravar un disco de longa duración (o primeiro LP de rock en lingua galega) en 1978 coa produtora Abrente de Nonito Pereira. N.H.U. chegaron a compartir palcos con Iceberg, Cucharada, a Orquesta Mondragón, Los Diablos ou Las Grecas, actuando tamén en prestixiosos festivais nacionais e europeos. Por estas e outras razóns, o grupo foi galardoado co premio honorífico da asociación de Músicas ao Vivo en 2014. Xosé Ferreiro non só era baterista, senón que tamén cantaba e tocaba a frauta traveseira, labores que desempeñou en diferentes formacións de música profesional ó longo da súa vida (Obradoiro, Zeltia), ademais de ser mestre de percusionistas que lembran con agarimo a este home de ollos tristes anque de trato sempre afable. Tal así era que non me resisto a narrar a seguinte anécdota: comeza en 2001, coa reedición do elepé N.H.U. en compact disc, que conseguín por mediación de Pedro Cebreiro, entón mánager do meu grupo, Contrastes. Por fin tiven a oportunidade de escoitar a música deste grupo do que tanto oíra falar, pero dada a condición de peza rara e carísima do disco orixinal, nunca posuíra unha copia do vinilo. Aproveitei para aprender os acordes e a letra de Na terra do verde chan, o primeiro corte do mesmo, e unha vez separados os Contrastes no verán de 2003, vagaba coa miña guitarra polo barrio de Sar. Polas tardes coincidía con Xosé Ferreiro e o saxofonista (e tamén excompoñente de N.H.U.) Xulio Seoane nun bar áhora do café, e un día lanceime e toqueilles Na terra do verde chan. Quedaron gratamente sorprendidos e convidáronme a tocar con eles polas rúas; facían estándares de jazz, música coa que eu non estaba familiarizado ó proceder do pop e do rock, pero aínda así accedín, e teño que dicir que foi unha experiencia moi positiva e edificante durante un tempiño. O mellor de todo aquelo foi o día en que Xosé Ferreiro suxeriu que formásemos unha versión interxeracional de N.H.U. con el á batería, Xulio ó saxo, seu fillo Martiño ó baixo e eu a guitarra. Nin nos meus soños máis delirantes podería imaxinar que estiven a piques de ser un compoñente desta hoxe xa mítica banda, anque isto non se chegou a materializar por razóns que non veñen a conto. É esta tan só unha mostra da xenerosidade dun home e músico ó que van botar de menos moitos compañeiros de profesión e alumnos, ademais dos seus familiares e achegados. Grazas por todo, Xosé, descansa no olimpo dos grandes músicos.