9.000 persoas asistiron aos espectáculos da Rede provincial de Auditorios

Analizouse a memoria de actividades do 2022, destacando a inclusión de oito concellos máis
Redacción ECG

Ourense. A Rede provincial de Auditorios de Ourense (ReaOU) programou durante o presente ano 101 espectáculos aos que asistiron máis de 9.000 persoas, “unha cifra que, xunto á incorporación de oito concellos máis a este plan, confirma que estamos conseguindo o principal obxectivo que nos marcamos: dinamizar os espazos culturais nos concellos da provincia”. O deputado de Cooperación, Pablo Pérez, valorou así a memoria de actividades da rede, logo de presidir a comisión de seguimento do programa, reunida no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa presenza da deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais, Patricia Torres, o secretario xeral da Deputación, Juan Marquina, e unha ampla representación dos concellos que están adheridos a ReaOU.

O continuo incremento no número de membros da rede e dos espectáculos programados “é toda unha satisfacción”, afirmou Pablo Pérez, pero tamén unha maior responsabilidade “en tanto temos que poñer todos os recursos ao noso alcance para dar resposta a esta positiva acollida”. Nesta liña, Pérez avanzou que “será preciso estudar un esforzo económico adicional”.

No presente ano, a Rede provincial de Auditorios de Ourense contou cun orzamento de 180.000 euros, dos que 150.000 foron achegados pola Deputación e o resto polos concellos adheridos cunha cantidade variable en función do caché de cada espectáculo ou artista. REDAC.