A actriz lusa Leonor Silveira, Calpurnia de Honra no OUFF

O Festival recoñece a súa longa traxectoria a prol do cinema portugués no mundo, tanto desde a pantalla como desde a xestión pública
OUFF
Aitor Álvarez
A actriz portuguesa galardoada, Leonor Silveira. Foto: ECG

O Ourense Film Festival (OUFF) entregará a Calpurnia de Honra Internacional á actriz portuguesa Leonor Silveira. Cunha extensa traxectoria de máis de 30 filmes, a intérprete foi a musa do director Manoel de Oliveira e participou en películas con actores internacionais como John Malkovich, Irene Papas, Marisa Paredes ou Marcello Mastroianni.

A organización do festival concedelle a Calpurnia de Honra Internacional, galardón que no 2019 recaeu no actor francés de orixe galega José García, en recoñecemento “a súa longa e acreditada traxectoria a prol do cinema portugués no mundo, tanto desde as pantallas como desde a xestión pública, e en particular pola súa fecunda relación artística en boa parte da filmografía dun grande da historia do cinema, tan admirado e respectado en Galicia, como foi Manoel de Oliveira, o seu descubridor para a pantalla grande”.

Leonor Silveira naceu en Lisboa en 1970. Estudou Relacións Internacionais e converteuse na intérprete de cabeceira para Manoel de Oliveira. Con el debutou en Los Caníbales (1988), película á que seguirían, entre outras moitas, La divina comedia (1991), El valle de Abraham (1993), Viaje al principio del mundo (1996) con Marcello Mastroianni, Fiesta (1996), El convento (1995) na que compartiu pantalla con Catherine Deneuve e John Malkovich, Inquietud (1997), La carta (1998), Palabra y utopía (1999), El principio de incertidumbre (2001), Una película hablada (2002), Espejo mágico (2005), na que participou Marisa Paredes, ou El extraño caso de Angélica (2009), entre outros moitos traballos.