A biografía do ourensano Marcos Valcárcel entra no Álbum de Galicia

Liderou o proxecto do Clube Cultural Alexandre Bóveda, a través do que impulsou roteiros literarios, exposicións e xornadas de literatura sobre autores galegos
Incorporación
J. Rodríguez
Contribuíu de xeito activo á posta en valor da cidade de Ourense como universo literario. Foto: Cedida

A colección biográfica do Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora a entrada de Marcos Valcárcel (Ourense, 1958 – 2010), quen contribuíu de xeito activo á posta en valor da cidade de Ourense como universo literario. “O seu compromiso social e cultural, a súa firmeza elegante, a súa bonhomía e o seu esforzo na concordia fan del un referente exemplar para as xeracións presentes e futuras”, subliña Afonso Vázquez-Monxardín na biografía que asina no Álbum de Galicia.

Nado na primavera de 1958 no seo dunha familia de xoieiros, Marcos Valcárcel López entrou en contacto, dende moi novo, cos círculos culturais da cidade ourensá. De feito, foi a través dun curso de lingua galega que a Agrupación Cultural Auriense organizou en 1973 no colexio Maristas cando Marcos Valcárcel se achegou por vez primeira a esta asociación. Tres anos despois empezou a exercer como bibliotecario e pasou a formar parte da súa directiva. En 1975 trasladouse a Santiago para estudar Xeografía e Historia e alí incorporouse ás iniciativas das agrupacións culturais O Galo e O Eixo. No tránsito dos 70 aos 80 impulsou o Cineclube Padre Feijoo de Ourense e a Federación de Cineclubes de Galicia, da que ademais de fundador foi tamén secretario.

Entre as súas actividades destaca a elaboración das exposicións Otero Pedrayo, sempre en Trasalba para a Fundación Otero Pedrayo (2001) e Galicia, célula de universalidade. Europa e a Xeración Nós para Merlín Comunicación (2007). Xunto con Afonso Vázquez-Monxardín, ideou as mostras e unidades didácticas para a celebración dos días das Letras Galegas dedicados ao Padre Sarmiento (2002), Avilés de Taramancos (2003), Xaquín Lorenzo (2004), Lorenzo Varela (2005) e Manuel Lugrís Freire (2006). Como investigador, centrouse na historia local e no estudo e rescate de obras e autores aos que dedicou numerosos artigos e monografías, como Otero Pedrayo, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Antón Tovar, Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo etc. Ademais, promoveu a reedición dalgunhas obras destes autores, dos que fixo achegas constantes en diversos congresos, xornadas e seminarios.

Marcos Valcárcel liderou tamén o proxecto do Clube Cultural Alexandre Bóveda, a través do que impulsou roteiros literarios, exposicións, xornadas de literatura sobre autores ourensáns ou homenaxes cívicas a personalidades senlleiras da cidade das Burgas. Tras a súa autodisolución en 2001, dirixiu a Sección de Literatura do Liceo de Ourense, onde continuou a desenvolver algunhas das iniciativas do Clube, como os roteiros anuais da Esmorga ou as xornadas literarias.

Porén, unha das facetas máis destacadas de Valcárcel foi a de colaborador na sección de cultura de xornais como EL CORREO GALLEGO , La Región, Faro de Vigo , entre outros. En 2006 creou o blog As uvas na solaina, que se converteu nun espazo de “intercambio de artigos, ideas e comentarios sobre a vida cultural e política de Galicia, un auténtico faladoiro no espazo das novas tecnoloxías e desde a perspectiva dun galeguismo aberto, integrador e progresista”, tal e como recolle Afonso Vázquez-Monxardín na entrada que asina para o Álbum de Galicia.

Moitos dos seus artigos e dos textos das conferencias ou das presentacións literarias nas que participou integran as misceláneas A cidade da Xeración Nós (1996) e Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (1998). A presentación da súa derradeira publicación, Historia de Ourense (2008), fíxose coincidir coa homenaxe cívica á súa persoa, unha celebración “das máis sobranceiras da historia recente de Galicia, con máis de 350 persoas chegadas de todos os puntos do noso territorio”, segundo recolle Vázquez-Monxardín.

Álbum de Galicia.As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros.