A ‘Galicia infinda’ de Delgado Gurriarán rexorde no Concerto das Letras do CCG

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras encheuse no acto de recoñecemento ao seu fillo
Día das Letras Galegas
Luis Montero
Os compoñentes do Zoar Ensemble nun momento do Concerto das Letras Galegas. Foto: CCG

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras encheuse no serán deste luns para homenaxear con música a un dos seus fillos pródigos: Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903-Fair Oaks, USA, 1987). A duodécima edición do Concerto das Letras Galegas, antesala festiva do Día das Letras que organiza o Consello da Cultura Galega, repasou musicalmente o legado do homenaxeado e tamén lembrou a memoria dos exiliados que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México.

O concerto supuxo a estrea da peza Diásporas, composta para a ocasión por Carme Rodríguez a partir dos textos de Galicia infinda, poemario referencial do autor.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e unha ampla representación dos concellos da comarca, entre eles, o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o de Vilamartín, Enrique Álvarez; mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a familia do homenaxeado asistiron a este concerto que se emitirá na TVG este martes, dentro da programación especial das letras galegas.

“O legado de Florencio Delgado Gurriarán deita luz sobre un exilio non demasiado coñecido, o mexicano, no que se escribiu un capítulo non menor da historia europea” apuntou Dolores Vilavedra, membro do CCG, na presentación do concerto que xuntou no Barco unha nutrida representación da cultura e sociedade da comarca.

“No seu día, México deu ao mundo unha lección de afouteza ética e política ao acoller unha parte significativa do exilio republicano e galeguista cando outros países miraban para outro lado. Décadas despois, a vida e a obra de Florencio despréganse ante nós, cidadáns e cidadás dunha Europa privilexiada, como unha radical interpelación, no artístico e no moral, como o recordo inapelable de que segue a haber valores que é preciso defender e que todas e cada unha das conquistas da nosa civilización son perecedoiras se non poñemos a nosa intelixencia e o noso corazón ao seu servizo incondicional e ao de calquera ser humano que, como Delgado Gurriarán no seu día, se vexa obrigado a deixar a súa terra” engadiu ao respecto.

O grupo Zoar foi o encargado deste Concerto das Letras Galegas, para o que deseñou un programa centrado na figura de Delgado Gurriarán pero tamén no colectivo que formou parte do exilio mexicano. Comezou con Zarabanda, de Adolfo Salazar (1890-1958), Seis pezas pra canto e piano, de Jesús Bal y Gay (1905-1993), sobre textos de Amado Carballo, e Muiñeira das vellas, de Rodolfo Halffter (1900-1987). Tres músicos, dous mexicanos e un galego, que se coñeceron en Madrid e se reencontraron en México, onde seguiron colaborando, sobre todo na creación da revista Nuestra Música.

Completouse con pezas como Aureana do Sil, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou o ourensán Antonio Fernández-Cid.