A Igrexa de Bande, historia do noso

A Deputación de Ourense conmemora os cen anos do templo como monumento nacional
Historia
María hermidaOurense
A alcaldesa de Bande, Sandra Quintas ao lado do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, durante unha explicación sobre a historia da Igrexa visigótica. Foto: ECG

O centenario da declaración como monumento nacional da igrexa visigótica de Santa Comba de Bande trouxo consigo unha celebración institucional, onde o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou a súa existencia como “a fotografía perfecta do noso pasado, pero tamén do brillante futuro que anos agarda”, subliñando así a importancia histórica dun templo que defendeu como o máis antigo da península e do amplo abano de posibilidades que ofrece na dinamización turística do concello e da provincia.

Este acto, dixo Baltar, “é un anaquiño na historia dunha edificación con catorce séculos, que xa no ano 600 converteu a este lugar na verdadeira cidade da cultura de Galicia”, comparando a igrexa con outras construcións civís e relixiosas posteriores no tempo, como a catedral de Santiago de Compostela ou o canal de Isabel II en Madrid, para destacar a importancia da que definiu como “a auténtica xoia do patrimonio mundial”.

O presidente provincial recolleu na súa intervención a proposta que con anterioridade lanzou no seu concello natal o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que lle pediu liderar a coordinación das administra- cións local, provincial, autonómica e estatal para “entrar en profundidade no significado da declaración de monumento nacional e aproveitar as vantaxes que todo elo implica, o que tamén sería a mellor homenaxe que lle poderíamos facer ás persoas que como o párroco Manuel Castro apostaron hai cen anos por conseguir esta distinción”.

“Estamos conxurados para facelo posible”, respondeu Manuel Baltar, que sinalou as actividades que está a desenvolver dentro do Plan Ourense, destino turístico intelixente

O acto incluíu a inauguración dunha exposición na que o visitante pode facer un percorrido pola historia do templo e as intervencións nestes cen anos, así como unha visita teatralizada á igrexa e a interpretación de varias pezas musicais a cargo de Ghaveta.