A historia das mulleres na Real Academia Galega non é allea á realidade que nos rodea, pero se hoxe en día se pode ter un debate sobre se a representación feminina é suficiente nesta institución histórica, é grazas ás que loitaron por ocupar unha cadeira no seu pleno. É o caso de Olga Gallego Domínguez, a primeira muller en ser aceptada na RAG non hai tantos anos, no 1986.
Esta arquiveira, docente e investigadora ourensá foi, asemade, membro correspondente da Real Academia da Historia, e recibiu numerosos galardóns que corroboran a súa importante pegada na preservación do noso patrimonio arquivístico e documental, entre eles a Medalla de Plata de Galicia, a Medalla Castelao ou o o Lazo da Orde de Afonso X O Sabio.
Hoxe, a fundación que leva o seu nome continúa coa súa labor de difusión e protección do patrimonio arquivístico mediante actividades de formación, cunha fonda perspectiva feminista.