A RAG recoñece a Delgado Gurriarán e pide á Xunta colaborar a prol do idioma

No Día das Letras Galegas, Freixanes solicita ao Executivo autonómico máis vías de apoio en beneficio da lingua “que nos ocupa e que nos preocupa” // Córgomo, a nova “capital literaria”
17M-Día das Letras
Jorge Garnelo
acto. O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, no acto conmemorativo do Día das Letras Galegas 2022. Foto: Brais Lorenzo

“Dende a Real Academia Galega, que ten a encomenda institucional de velar pola lingua, facemos votos para que poidamos abrir novas vías de colaboración a prol do idioma que nos ocupa e que nos preocupa”. Con esas palabras dirixiuse onte o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, concluíndo a súa intervención no pleno do Día das Letras Galegas. Nun martes dedicado ao poeta Florencio Delgado Gurriarán na Aira dos Bolos de Córgomo (Ourense), onde o homenaxeado xogaba aos birlos co resto dos mozos cando era pequeno, quedou patente que para o noso idioma “non son poucos os desafíos que os novos tempos presentan” e que agora toca superalos.

“Se aceptamos que a lingua é un territorio de unión, modernidade e afectos, marca de identidade por riba das siglas e diferenzas, oxalá saibamos atopar novas iniciativas para avanzar no seu desenvolvemento, integrando todos os axentes sociais que poidamos sumar”, indicou Freixanes, manifestando que “neste ano 2022, Córgomo é a capital literaria de Galicia e a capital universal da lingua galega”, esa “Galicia infinda” da que falaba o propio Gurriarán. “Córgomo é hoxe a capital das letras galegas para todo o mundo, capital dunha lingua que nos une e nos identifica, unha lingua na que nos recoñecemos e na que viaxamos xuntos no río do tempo”, engadiu.

No tributo ao valdeorrés, “exemplo de coherencia e compromiso” e símbolo do exilio galego, o presidente da RAG agradeceu especialmente a presenza de Celia, Maruxa e Carmiña Delgado, as fillas do poeta, e do seu neto Roberto, chegados dende México e os Estados Unidos para a ocasión. Ademais, enviou unha afectuosa aperta á súa viúva, Celia Teijeiro, que non puido estar no acto.

Freixanes tivo tamén palabras de agradecemento ás institucións e a sociedade valdeorresas que, arredor do proxecto As Letras de Florencio, desenvolveron “un papel especialmente activo como animadores e difusores da memoria de Delgado Gurriarán para que esta celebración fose posible”. Por outro lado, aplaudiu o traballo do Concello de Vilamartín de Valdeorras, que exerceu de anfitrión dunha celebración que continuou polas rúas da aldea cunha festa en comunidade, como lle gustaría ao galardoado, unha persoa que todo o mundo lembra como vital, alegre e amante da música e do baile.

Finalmente, o presidente da RAG concluíu a súa intervención dirixíndose ao novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, que asistiu ao evento días despois da súa toma de posesión, pedíndolle ao líder autonómico esas “novas vías de colaboración a prol do idioma”.

A sesión plenaria arrincou cunha afectuosa ovación dedicada á familia. Deseguido, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretou cancións como a Marcha do Antigo Reino de Galicia, a “Alborada de Veiga” e a “Muiñeira de Chantada”. Tras isto, pecharon o acto coa interpretación do Himno galego.