A Real Academia Galega pide para o galego “un tratamento que non ten”

O presidente da RAG recibiu onte ao delegado do Goberno,
e falaron do inicio dos traballos de rehabilitación da sede
Real Academia Galega
Fernando López
O delegado do Goberno, José Miñones, firma no libro de honra en presenza da subdelegada, María Rivas; Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo. Foto: ECG

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, mostrou o seu apoio aos acordos adoptados na asemblea xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN), celebrada en Santiago, e que reclamou a derrogación do decreto do plurilingüismo e que se garanta o galego como idioma vehicular en todas as etapas educativas.

Fíxoo, a preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa comparecencia xunto ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que onte visitou a institución académica.

Sobre a decisión da ELEN, indicou Freixanes que apoia “os acordos desa reunión”. Ademais, recalcou que o galego é un “patrimonio que produce riqueza” e non “un adorno”. “O galego necesita un tratamento que nestes momentos non ten”.

Por iso, demandou que “se revisen” unhas políticas que “se poden mellorar”, manifestou tanto en referencia ao ‘decreto do plurilingüismo’ como á lei de normalización lingüística, informa Europa Press.

“Hai moitos aspectos por desenvolver e outros por actualizar como as novas tecnoloxías”, apuntou a este
respecto sobre esta última.

As obras de rehabilitación da sede da RAG acometeranse o próximo ano, previa mudanza prevista para finais do primeiro trimestre do ano, segundo expuxo o seu presidente, Víctor Freixanes.

En concreto, expuxo que a finais do primeiro trimestre de 2022 deberían estar en condicións “xa reais” de acometer a mudanza “e iniciar as obras”, que se prevé que duren uns dous anos.

Respecto diso, o delegado do Goberno, José Miñones, sinalou que o proxecto está xa terminando e que agora se está con “últimos detalles”.

Por outra banda, lembrou que o Executivo central destinará a estas obras unha partida de algo máis de dous millóns de euros.

Non só serán, segundo precisou, traballos de restauración senón tamén de “modernización do edificio, nova distribución de salas e reforzos estruturais necesarios”.

Por outra banda, indicou que se falará con Xunta, Concello da Coruña e Deputación coruñesa para ter espazos onde situar a actividade da RAG e os bens que hai no seu interior mentres duren as obras.

E indicou que se está en conversacións co consistorio coruñés, mentres trasladou a súa preocupación pola localización, mentres se executen os traballos de rehabilitación.