A Ribeira Sacra avanza na súa opción como Patrimonio Mundial

O público pode coñecer agora os valores extraordinarios deste ámbito cunha ferramenta dixital que permite unha visita virtual por unha vintena de igrexas
Luis Montero
A pestana Vistas 360º permite achegarse ‘online’ aos mosteiros e igrexas da Ribeira Sacra

O formulario dixital da Ribeira Sacra, no que se escolman os contidos principais e visuais máis relevantes da candidatura, así como outros aspectos para o seu coñecemento e difusión acaban de ser publicados pola Consellería de Cultura e Trismo. Trátase dunha síntese para visibilizar miles de anos de historia e traballo, que confluíron na creación deste singular territorio, exemplo sobranceiro da acción conxunta entre as persoas e a natureza.

É unha ferramenta complementaria á documentación remitida á Unesco para a avaliación por parte do Consello Internacional de Monumentos e Sitios da candidatura da Ribeira Sacra que, se todo avanza normalmente, será a candidata de España o vindeiro ano na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial.

O web irá incorporando progresivamente novos contidos e é accesible ao público en galego, español e inglés.

O formulario estrutúrase en oito áreas, comezando pola presentación, na que se dá a benvida ao usuario e se citan os obxectivos, cun vídeo introdutorio para achegarse á candidatura, e material audiovisual de alta calidade.

Os apartados Historia e Criterios explican dun xeito claro e visual os valores deste territorio e como estes responden aos aspectos que ten en conta a Unesco para a súa declaración.

Exponse a importancia das ribeiras e das herdades de Rocas, Montederramo e Ferreira de Pantón, e dáse conta de aspectos do seu carácter excepcional.

Pola súa banda, a sección de Mapas contextualiza a localización do territorio da Ribeira Sacra en Europa, España e Galicia, así como o plano da delimitación que se inclúe na candidatura, xunto a datos clave de superficies, parcelas e poboación.

Tamén se recolle neste apartado a visualización en secuencia de seccións topográficas reais do territorio, un percorrido dos vales do Sil e o Miño e a posición da ribeira e das herdades.

Cómpre dicir que a información planimétrica compleméntase co apartado de Delimitación, no que se recolle polo miúdo a declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra coma ben de interese cultural e os enlaces para a información de detalle sobre a protección, unhas das meirandes fortalezas da candidatura.

Este web compleméntase coa selección doutros materiais relevantes que reforzan a súa opción, como o libro de fotografía Persoas que pintan a paisaxe, dispoñible no apartado Publicación; ou unha interesante invitación a percorridos virtuais por 19 dos principais mosteiros e igrexas da Ribeira Sacra, dispoñibles na pestana Vistas 360º.

Así, entre os escenarios a visitar online destaca o mosteiro de San Pedro de Rocas, a igrexa de Santa María de Montederramo ou o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, un dos conxuntos máis sobranceiros do patrimonio cultural galego.

E ofrécese un apartado co Calendario cos principais fitos acadados até o momento.