‘A Silveira’, de Kiko da Silva, nominada aos Follas Novas

O libro de viñetas recopilatorio deste xornal compite na categoría de banda deseñada e humor gráfico // O evento será o 7 de maio
Ilustración
aNDREA BARREIRoSantiago
Kiko da Silva, autor de ‘A Silveira’, na redacción de EL CORREO GALLEGO. Foto: A. Hernández

O ilustrador Kiko Da Silva responsable da Escola Profesional de Banda Deseñada O Garaxe Hermético e colaborador diario de EL CORREO GALLEGO, na sección A Silveira, está nominado aos premios Follas Novas do Libro Galego 2022 na categoría de Banda Deseñada e humor Gráfico.

Os premios Follas Novas do Libro Galego acaban de completar a primeira fase de selección da edición deste 2022 e resultaron candidatos dos premios seis títulos por categoría. Nesta edición dos Follas Novas ampliouse o proceso de elección dos premios cunha nova fase antes da designación de finalistas. Os premios Follas Novas están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia.

SETENTA TÍTULOS SON CANDIDATOS. En total, máis de setenta títulos son candidatos aos premios Follas Novas nas doce categorías trala primeira fase de selección realizada polo xurado destes galardóns que, na seguinte fase escollerá tres finalistas e, na última, os títulos gañadores en cada unha das categorías. Os resultados destes premios daranse a coñecer na gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago o vindeiro 7 de maio.

MAIOR NUMERO DE OBRAS PARTICIPANTES. Coas novidades introducidas para esta edición, as tres organizacións convocantes dos galardóns recolleron unha proposta inicial que superou o centenar e medio de títulos, ampliando o numero de obras participantes sobre edicións anteriores. Sobre esa proposta, o xurado fixo a selección para escoller os seis títulos candidatos en cada categoría ademais das categorías de Iniciativa cultural, Proxecto literario na rede e de Xornalismo cultural.

De entre os seis títulos por categoría escolleranse tres finalistas, como se fixo en anteriores edicións e, finalmente, o xurado escollerá aos gañadores que se coñecerán na gala dos Premios Follas Novas.

CATEGORÍAS DESTA EDICIÓN. O libro de A Silveira de Kiko da Silva (Retranca Editora), está nominado na categoría de Banda deseñada/libro gráfico. Nesta mesma categoría atópanse outras obras nominadas como Aldara. A lenda do cervo branco, de Inés Vázquez (Demo Editorial); Nós seis, de Julia Lago (Deputación da Coruña); O destino de Kameko, de Abel Alves e Jorge Campos (Aira Editorial); O pexego mecánico, de Víctor Tizón (Demo Editorial) e Que tempos!, de Xaquín Marín (Edicións Embora).

Ademáis, a edición dos premios Follas Novas comprenden a categoría de ensaio e investigación, divulgación, narrativa, libros para público infantil, xuvenil, teatro, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, obra traducida, poesía e libro mellor ilustrado.

Os premios Follas Novas do Libro Galego queren poñer en valor todas as actividades relacionas co mundo libro en Galicia, desde a creación literaria ata a edición e as distintas iniciativas arredor do libro. Esta sétima edición terá como protagonistas a autores e autoras, títulos e iniciativas desenvolvidas en Galicia e arredor do mundo do libro galego. O cambio de nome dos galardóns é unha homenaxe á grande obra de Rosalía de Castro publicada en 1880.