A UDC incorpora sete novos investigadores Ramón y Cajal

Trátase de Juan Bermúdez, José Rodríguez, Vanessa Álvarez , Juan Fafián, Verónika Georgieva, Cristina Fernández e Luis Blanco
André Couce
Presentación dos novos investigadores Ramón y Cajal da Universidade da Coruña

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentaron a pasada mañá aos sete novos investigadores Ramón y Cajal captados pola UDC.

Juan Manuel Bermúdez García, José Luis Rodríguez Sánchez, Vanessa Álvarez López, Juan Antonio Fafián Labora, Verónika Georgieva Chobanova, Cristina Fernández Bessa e Luis Alejandro Blanco son as novas incorporacións como investigadores Ramón y Cajal durante os próximos cinco anos co compromiso da UDC de posterior incorporación ao plantel estable de persoal docente e investigador.

O reitor agradeceu aos Ramón y Cajal que elixisen a Universidade da Coruña para realizar a súa carreira profesional. Abalde manifestou que o elevado número de investigadores captados nesta convocatoria responde a un traballo realizado polo seu equipo de goberno desde hai sete anos, cunha liña estratéxica de captación e retención de talento que incorpora ademais a posibilidade de estabilización dos investigadores captados. “Este equipo aposta polo talento novo, que servirá para que a investigación da UDC dea un salto cualitativo ademais de contribuír á súa proxección internacional”, xa que todos os investigadores Ramón y Cajal que comezan agora teñen xa traxectoria en universidades e centros ce investigación foráneos. O reitor rematou a súa intervención desexándolles “os maiores éxitos posibles”.

Para o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia “o talento é a base de todas as institucións e máis na universidade” polo que agradeceu tamén aos novos investigadores a súa elección da UDC para desenvolver os seus proxectos de investigación.

O programa Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia e Innovación promove esta convocatoria para incorporar persoal investigador, español ou estranxeiro, cunha traxectoria destacada, en universidades e centros de I+D españois. A convocatoria Ramón y Cajal está considerada como a máis relevante para captar e reter talento investigador en universidades e centros de investigación. As persoas beneficiarias terán financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación durante cinco anos para desenvolver o seu proxecto investigador na universidade ou centro que elixan. A Universidade da Coruña complementa este financiamento con axudas propias ademais de dar facilidades para estabilizar a este persoal investigador excelente ao remate da vixencia da súa axuda estatal.

Juan Manuel Bermúdez García. Licenciado en Química (Universidade de Granada) e Doutor en Química Ambiental e Fundamental (Universidade da Coruña), con experiencia en centros internacionais (Universidade de Oxford, Universidade de Cambridge), é investigador Ramón e Cajal no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña no que desenvolve novos materiais sólidos como alternativa aos gases de refrixeración e calefacción actuais, moitos dos cales se prohibirán entre 2030-2050 por contribuír ao quecemento global. Así, Bermúdez tivo un papel importante no descubrimento das “perovskiñas” e os “respiro-calóricos”, materiais sólidos que transforman pequenas presións e reutilizan CO2, respectivamente, para arrefriar e/ou quentar segundo a necesidade, minimizando o impacto ambiental.

José Luis Rodríguez Sánchez. Doutor en Física Nuclear e de Partículas pola Universidade de Santiago de Compostela. Tras o seu doutoramento, trasladouse á Universidade de Paris-Saclay para traballar no Centro de Investigacións sobre as Leis Fundamentais do Universo (IRFU) onde se centrou no estudo da dinámica e estrutura nuclear de núcleos pesados e na investigación de núcleos exóticos formados por protóns, neutróns e hiperones. En 2017 obtivo unha bolsa postdoutoral da Xunta de Galicia para traballar no centro internacional de investigación GSI/FAIR situado en Darmstadt (Alemaña) onde realizou novos experimentos de física nuclear que axudarán a entender mellor a formación de núcleos pesados no universo, así como a formación das famosas estrelas de neutróns.