A USC recoñece o vencello indestrutible co idioma do galeguista Florencio Delgado

Presentado o volume co que a Universidade de Santiago rende tributo ao escritor homenaxeado neste Día das Letras Galegas
Día das Letras Galegas
Luis Montero
Dolores Vilavedra, esquerda, Francisco Cidrás, Valentín García, Antonio López, Xesús Alonso Montero e Dulce García Mella, no acto da USC polo Día das Letras. Foto: Santi Alvite

“Un acto de xustiza e unha decisión necesaria”, así definiu Francisco Cidrás, director do departamento de Filoloxía Galega, o acto institucional co que a USC gabou este venres a figura do escritor Florencio Delgado Gurriarán ao que se lle dedica, neste 2022, o Día das Letras Galegas.

O acto presidido polo reitor, Antonio López, contou coa presenza da secretaria xeral da USC, Dulce García Mella. “Galicia ten unha débeda con esta xeración”, dixo Antonio López ao referirse á vida “fendida pola guerra” do autor de Galicia Infinda e do que destacou a súa condición de xurista, así como a súa “sensibilidade e compromiso”, segundo informa a USC.

Logo da introdución realizada polo propio profesor Cidrás, procedeuse á presentación da obra Florencio Delgado Gurriarán. O soño dunha Galicia Infinda cuxa edición correu a cargo da profesora Dolores Vilavedra, quen subliñou “o vencello indestrutible co idioma” do homenaxeado. Nesta mesma liña, pronunciouse o profesor Xesús Alonso Montero ao destacar a condición de “poeta monolingüe” deste autor que, malia nacer en Córgomo en 1903, pasou sete décadas da súa vida no exilio, fiel á lingua que falaba a súa familia.

O acto contou tamén con diversas interpretacións musicais a cargo de Samuel Diz.

Cidrás lembrou como o Día das Letras Galegas ten visitado o exilio bonaerense, “mais é a primeira vez que se achega ao exilio mexicano, á periferia do desterro galaico-americano”. Destacou como “en tempos nos que se fala (non tanto como se debería) de recuperación da Memoria Democrática, é tempo tamén de remover a terra das nosas letras, de exhumar no faiado da nosa desmemoria, na fosa común dos nosos esquecidos”.

Carencia que, en parte, palía a obra editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e que constitúe o número 53 desta colección dedicada ás figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas.

Así, na presentación a profesora Vilavedra lembrou como Florencio Delgado Gurriarán chegou a México o 7 de xullo de 1939, na compaña doutros case mil refuxiados que “fuxían da represión e procuraban, simplemente, a posibilidade dunha vida.

México foi xa por sempre, para Florencio, o país no que se materializou esa posibilidade”. Cando a Real Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas, “fíxoo consciente de que se trataba dunha figura poliédrica, cunha non moi extensa obra literaria mais que representa coma poucas un perfil vital e intelectual esgazado polas consecuencia do levantamento fascista de 1936”, engadiu a profesora da USC.

Da análise desta traxectoria vital fendida polo exilio, encárgase o profesor Xesús Alonso Montero no capítulo titulado Un achegamento á singular biografía lingüística de Florencio Delgado Gurriarán, título tamén do relatorio pronunciado este venres no Colexio de Fonseca. Alonso Montero afonda nos referentes inspiradores do autor, entre eles, Curros Enríquez, e reflexiona sobre a súa condición de “militante da causa da galeguidade”. Ademais, noutro capítulo da obra, o propio Alonso Montero, aborda un artigo inédito deste autor que data de 1976.

O libro consta tamén dun apartado específico con diversos estudos que profundan na figura do poeta dende diversas perspectivas.