A VIII Edición de Escenas do Cambio presentará catorce pezas de vangarda no Gaiás

Oito das obras que se amosarán son inéditas// O festival de teatro, danza e arte en acción terá lugar entre do 5 ó 8 de maio
Cultura
Luis Montero
Participantes na presentación da oitava edición do certame Escenas do cambio no Gaiás.

A oitava edición de Escenas do cambio -o festival de teatro, danza e arte en acción organizado pola Xunta a través da Cidade da Cultura-, presentará este ano na comunidade un total de 14 pezas que transitan a vangarda do teatro, a música, a danza, as artes visuais e a performance.

Unha edición que concentra en catro días, do 5 ao 8 de maio, unha programación que aposta forte pola creación, con oito obras orixinais que se poderán ver por primeira vez no festival.

Entre as estreas, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou as cinco novas propostas de artistas e compañías galegas con apoio da Xunta para o seu desenvolvemento: Hoax Hamlet, de Voadora, a peza colectiva Escenas (Con)Textualizadas construída coas voces das artistas, actrices e dramaturgas Helena Varela, Helen Bertels, Ana Vallés, Ana Abad de Larriva e Gena Baamonde, e as tres obras froito das residencias artísticas realizadas no Gaiás por Mateo Feijóo, Mercé de Rande e Ramón Souto.

Deste xeito, contribúe a consolidar o Gaiás como un piar para a creación contemporánea, en liña cos obxectivos do segundo Plan Estratéxico da Cidade da Cultura.

Anxo Lorenzo estivo acompañado na presentación do programa pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; pola directora artística de Escenas do cambio, Lola Correa, e por Helen Bertels, Hugo Torres -director de Hoax Hamlet- e Mateo Feijóo, en representación dos artistas participantes, así como lo director da Agadic, Jacobo Sutil.

Lola Correa avanzou as principais novidades dunha escolma que explora novos lugares e formatos. Haberá escenarios non convencionais, como a galería de servizos do Gaiás, onde Teatro La Usina representará Waterclose, revisión e actualización do primeiro espectáculo da compañía -Women Closed-, no 20 aniversario da súa estrea, ou tamén os espazos de tránsito e traballo no interior do museo sobre os que se construirá o percorrido de Escenas (Con)Textualizadas.

Por outro lado, NIHIL, do músico e compositor galego Ramón Souto, propón aos espectadores participar nun concerto na rompente do día desde a cima do Gaiás, e Mateo Feijóo, con Sons do esquecemento ou A navalla do tempo, convídaos a transitar pola memoria, os sons e as imaxes dun pobo do rural galego que representa todo un legado de valores e saberes en perigo de extinción.

Novas experiencias para a audiencia que se completan coa performance MU-Danza, unha muller que camiña, de Mercé de Rande; o ensaio-monólogo mestura de teatro e maxia do galego Miguel Ponce de León en Veneficio (de lo cotidiano o cómo remediarlo), e a Hammamturgia de Societat Doctor Alonso, unha obra coreográfica que se constrúe a partir da transformación constante do espazo, do ambiente e do tempo.

No apartado internacional, contará con dous referentes da danza contemporánea chegados de Francia e Portugal. A compañía Man Drake, fundada por Tomeo Vergés, porá en escena dous solos -Que dun bonheur (?) e Moi, Antonio M.- que exploran e cuestionan os contornos do masculino e do feminino.

A bailarina e coreógrafa portuguesa Tânia Carvalho constrúe en Grasped by intuition unha peza na que o corpo flúe entre o figurativo e a abstracción lírica.