Aberta a participación cidadá para elaborar o Plan da danza

Busca darlles resposta aos principais retos deste sector, da man dos profesionais
Plan Integral da Danza
Redacción ECG
Baile galego

Santiago. A Xunta vén de abrir o proceso de participación cidadá na creación do Plan Integral para a Danza de Galicia, co que se pretende dar resposta aos principais retos do sector, así como sentar a base para o desenvolvemento de actuacións e medidas de mellora consensuadas.

Deste xeito, a web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou onte un formulario participativo a través do que todas as persoas interesadas poderán realizar suxestións sobre o sector cultural da danza nun prazo de 20 días naturais contados a partir de hoxe.

Esta medida responde ao obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de activar un proceso compartido, participativo e transparente tanto con todos os axentes do sector como coa cidadanía. Con este fin, creáronse xa grupos de traballo temáticos e representativos dos diferentes ámbitos da danza en Galicia, como son a creación e produción, a distribución e promoción ou a formación.

Asemade, activouse un equipo de coordinación constituído por representantes da administración, artistas, festivais, compañías, espazos públicos e privados. O seu cometido é determinar as actuacións necesarias para adecuar a danza ás necesidades reais do contexto galego, e fixar estratexias conxuntas que melloren a situación futura.

Unha vez recollidas as achegas previas da cidadanía, manteranse os encontros dos grupos de traballo coa previsión de dispoñer dun primeiro borrador do Plan no outono. ECG