Achega de 210.000 € para once festivais audiovisuais

Sutil anuncia a adxudicación desta nova convocatoria durante a presentación do Play-Doc de Tui, un dos beneficiarios das axudas
Sector audiovisual
Luis Montero
Jacobo Sutil, segundo pola dereita, na presentación do Festival Play-Doc de Tui. Foto: Gallego

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, participou este venres na presentación en Tui do XVIII Festival Internacional de Documentais Play-Doc, onde anunciou a publicación da resolución de adxudicación da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais deste exercicio, que distribúe 210.000 euros entre once certames.

Un dos beneficiarios é o Play-Doc de Tui, do 4 ao 8 de maio, para a que conta cunha axuda de 38.473 euros a través da liña de apoio coa que o Goberno galego contribúe anualmente á organización con carácter profesional de mostras que son consideradas estratéxicas para o sector.

Tamén son adxudicatarios (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (40.000 euros), Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago (32.688), Festival de Cans de Curtametraxes, no Porriño (31.000), Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (17.201), Carballo Interplay (16.678), Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, na Coruña (11.411), Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra (8.772), MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, en Santiago (8.594), Festival de Cine Inclusivo, en Vigo (3.093) e Galician Freaky Film Festival, en Vigo (2.087).

A dotación da convocatoria, que se resolveu en réxime de concorrencia competitiva, supón un incremento do 5 % respecto a 2021, co que se mantén a tendencia á alza desde a creación en 2015 desta liña de apoio, tal que como explicou o representante da Consellería de Cultura.

Acompañou á organización do Play-Doc no anuncio da programación completa desta edición, no que interviñeron os representantes doutras entidades colaboradoras.

Fixo fincapé na especialización e nos valores singulares sobre os que se asenta cada mostra subvencionada.

Do Play-Doc, destacou que “combina de xeito maxistral esa mirada ao último e máis interesante da produción internacional no xénero documental, ao tempo que lle dedica un completo apartado á creación galega e serve de encontro para a formación e o intercambio profesional”.