Afondan na obra literaria de Ricardo Carvalho Calero

Na terceira sesión do Simposio da RAG sobre este persoeiro abarcaron desde a poesía como catarse á interacción entre ficción e memoria
Día das Letras Galegas
Flora Touzón
Laura Tato intervén no simposio, acompañada por Pilar Pallarés e Henrique Rabuñal. RAG

Ricardo Carvalho Calero identificábase como unha persoa educada nuns principios “que repugnan a complacéncia no autorretrato”, confesou el mesmo no limiar de Pretérito imperfeito (1980). Pero non sería difícil deseñar a través dos seus versos un retrato interior do protagonista do Día das Letras Galegas, “un dos poetas que con máis autenticidade ten exposto na súa obra de criación a súa visión da existencia”, valora Pilar Pallarés.

A poeta e antóloga de Carvalho Calero profundou onte nas ficcións do eu na obra do autor no marco da terceira das catro xornadas do simposio que a Real Academia Galega lle dedica. E fíxoo poñendo o foco no xénero co que se sentiu máis identificado, a poesía, unha arte que concibía como catarse. A escritora compartiu mesa coa catedrática Laura Tato Fontaíña, que percorreu a produción dramatúrxica do autor ferrolán; e o biógrafo Henrique Rabuñal, que lle prestou atención á novela Scórpio e os seus personaxes femininos. A académica Margarita Ledo foi a encargada de moderar a sesión centrada na literatura do homenaxeado.

Pilar Pallarés sinalou a aparente discordancia entre a concepción da poesía como catarse que tiña o autor e a súa escrita “reflexiva, intelectualizada, emocionalmente contida e até por veces distante”. A partir de aí, traza un percorrido polos seus poemarios na procura dos materiais procedentes das vivencias de Carvalho Calero e analiza algunhas das súas estratexias da ficcionalización do eu: as máscaras do suxeito lírico, o discurso irónico e o mito.

O autobiográfico tamén está presente nos relatos e nas novelas de Carvalho Calero, dende O lar de Clara ata Scórpio (1987), unha obra “moderna e orixinal” en que se detivo Henrique Rabuñal nunha intervención centrada na narrativa e que puxo o acento na orixinalidade técnica e as achegas estilísticas desta novela tan celebrada pola crítica.

A produción como dramaturgo de Ricardo Carvalho Calero foi abordada pola catedrática de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Laura Tato Fontaíña. “A traxectoria de Carvalho Calero como autor teatral –resume– comeza cando o Partido Galeguista, na Asemblea celebrada en Ourense (1934), encargou ás Mocidades Galeguistas un relatorio sobre o teatro galego, e conclúe en 1980 coa súa derradeira e mellor peza, Os xefes (1980), na que deixou unha homenaxe ao Castelao d’Os vello non deben de namorarse e mais unha profunda reflexión sobre o poder”.