O vigués, que ten 27 anos, ten como profesión a de ‘drag queen’ e a súa personaxe é Ketty Pinn

Televisión
Vicente Plaza
Apasioado beso de Aitor, alias Ketty Pinn, e José, protagonistas de ‘48 horas para o si’. ECG

Como un agasallo de Nadal, un amigo chamado Noel presentounos un 25 de decembro de hai tres anos e, aínda que tiñan plans de casar nun xulgado, a voda en televisión collerá totalmente por sorpresa un dos membros da parella. Aitor, o seu alter ego Ketty Pinn, e José son esta noite os protagonistas da nova entrega de 48 horas para o si e da posible voda inminente na TVG.

Aitor, un vigués de 27 anos moi extravertido e botado para adiante, quere ir por todas e vivir unha voda de película. Xunto a Ketty Pinn, a súa personaxe como drag queen, vaille pedir matrimonio esta noite ao amor da súa vida, Jose, un mozo de 26 anos do Uruguai, moi detallista e todo un apaixonado polos autobuses.

Para preparar en 48 horas a posible celebración da voda, Aitor contará coa axuda como cómplices da súa nai, Nieves, e a súa mellor amiga, Lucía. Tamén contribuirán a facer realidade o soño do noivo, Alba, estilista da Coruña, e Rubén e Fer, dous organizadores de vodas coruñeses asentados en Marín.

El arriscarao todo para conseguir o ansiado ‘si, quero’, pero, cal será a reacción de José? A resposta, esta noite, nunha nova entrega do programa 48 horas para o si, con Iolanda Muíños como mestra de cerimonias.

Por outra banda, a Crtvg participa, un ano máis, no programa educativo 21 días co galego e +, que desenvolve a Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o uso do galego oral entre a xente nova, dentro e fóra dos centros de ensino. Coordinados pola profesora Pilar Ponte, o espazo da Radio Galega Galicia por diante e o #DígochoEu colaborarán desde este martes na cuarta edición, en que interveñen doce centros das catro provincias galegas, de ESO e primaria, e que ten por lema Creando en galego no século XXI.

De luns a venres, o magazine Galicia por diante da RG (ás 13.00 horas) disporá dunha sección para conversar sobre o proxecto cos centros de ensino participantes.