Álbum ilustrado e coñecemento do medio

Libro
Blanca Roig Rechou

Unha das múltiples vantaxes do formato álbum é a de ofrecer ao lectorado infantil coñecementos do medio dunha forma visual moi interesante. É o que acontece con dúas novas propostas de Editorial Kalandraka que, dentro da súa liña do denominado libro informativo, propón coñecer a fauna dos distintos continentes na súa colección “Ciencias” a través de dous títulos Quen son? Crías de animais. África e Quen son? Cría de animais. Europa, grazas ao labor de Tándem Seceda, formado polos biólogos Isabel Pelayo e Xulio Gutiérrez e os mestres Pilar Martínez e Chema Heras, e á ilustradora Ester García.

Cada título presenta sete crías de animais de África e Europa a través dunha adiviña que establece un diálogo activo co lectorado e que resolve o enigma ao pasar a páxina, onde se amplía a información, mostrando o seu hábitat natural, os costumes e características físicas con textos sinxelos que describen a biodiversidade da Terra.

blanca.roig@usc.es