Apoio da Xunta para que O Marisquiño quede na cidade olívica

Garante unha achega de 200.00 euros se reconsideran a súa marcha da cidade
Música
Redacción ECG
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias. Foto: X.

Santiago. A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tivo ocasión de reunirse onte pola mañá coa organización do festival O Marisquiño á que lle trasladou o compromiso do Goberno galego coa celebración en Vigo dunha nova edición do festival, tal e como xa lles adiantara nas reunións previas. Así, a representante autonómica garantiulles unha achega de 200.000 euros no caso de que reconsideren a súa marcha da cidade.

Deste modo, tras o recente anuncio da cancelación do evento, derivada da rebaixa nun 70 por cento das achegas conxuntas por parte do Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, Fernández-Tapias defendeu que o compromiso do Goberno galego foi sempre o de manter e incluso incrementar o seu apoio ao Marisquiño, e que concretou hoxe cun incremento do 80% respecto á edición pasada e do 65% respecto á do 2019.

Así, e co obxectivo de conseguir a “supervivencia e continuidade deste festival na nosa cidade”, a delegada confiou non so en que a organización se replantee a súa marcha de Vigo, senón que tanto Concello como Deputación reconsideren a súa decisión de retirar os fondos que ata o de agora destinaba a este evento.

Neste sentido, a delegada territorial da Xunta en Vigo puxo onte o acento no impacto que suporía para a cidade a cancelación definitiva deste festival que ten unha oferta de músicas urbanas como os sons de hiphop que acadan sona desde hai anos facendo desta cita unha das máis salientables no eido musical de cada verán ata a chegada da actual pandemia.

“É un empeño persoal do Executivo autonómico salvagardar un dos eventos do deporte urbano de maior repercusión tanto a nivel deportivo como de retorno económico para Vigo, polo que esperamos que os organizadores do Marisquiño reconsideren a súa marcha”, indicou, para sinalar que “desde a Xunta seguiremos apostando por Vigo, pola cultura e polo deporte”, dixou Marta Fernández-Tapias despois deste encontro coa organización do festival O Marisquiño. A posición do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra poden axudar ou non a esta idea de que os promotores reconsideren a súa marcha. ecg