Aposta polo enoturismo como o gran atractivo para o turista

Presentouse tamén unha plataforma de comercialización para as reservas // Ambas iniciativas están incluídas no acordo coas asociacións das Rutas do Viño
Turismo
Ramón GonzálezSantiago
Alfonso Rueda, na presentación na Cidade da Cultura da campaña de promoción do enoturismo. Foto: Xoán Crespo

Relanzar e apostar polos Roteiros do Viño como elemento diferenciador e desestacionalizador do turismo en Galicia e como experiencia “segura, distinta e chea de emocións” para este outono son algunhas das claves coas que nace a campaña Reencontros cos cinco sentidos que, acompañada dunha plataforma de comercialización, fomentará o enoturismo como elemento de valor na comunidade.

Así o dixo onte o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Casares, en representación dos roteiros galegos dos viños, no acto de presentación desta nova campaña e esta plataforma online de reservas, o “proxecto máis ambicioso dos que se desenvolveron en materia de enoturismo en Galicia”.

A iniciativa, apuntou, promociona o sector do viño desde o ámbito turístico como “un mundo de posibilidades e sensacións” e, en consonancia coa situación actual, promove unha experiencia “segura, distinta, tranquila e chea de emocións”, que se pode vivir “cos cinco sentidos”.

Na mesma liña, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a “riqueza única” que supón para Galicia o sector vitivinícola, como “elemento vertebrador do territorio”, de “fixación da poboación” e de creación de riqueza. Desde o punto de vista turístico, explicou, trátase dunha actividade “desestacionalizadora”, xa que é no outono cando se dan “os mellores momentos para descubrir as paisaxes de Galicia” vinculados ao viño.

Ademais dunha campaña promocional, a Xunta, en colaboración cos Roteiros do Viño, avanza na comercialización do enoturismo a través dunha plataforma que permite reservar e planificar experiencias neste ámbito, eliminando o uso de papel e facendo todo o proceso “sinxelo e seguro”.

Durante a súa intervención no acto, o conselleiro de Medio Rural, José González, puxo en valor as “características diferenciadoras” do sector do viño en Galicia, cuxa calidade cualificou de “excepcional”.

O viño, dixo o conselleiro, é “o principal elemento dinamizador das súas áreas de influencia” e debe ser o “elemento fundamental” no desenvolvemento destas comarcas, ademais de para “facer gozar” a propios e alleos.

O encargado de pechar o acto foi o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen volveu incidir nos beneficios do enoturismo para o sector galego, sobre todo no ámbito da desestacionalización. “Hai que ter cousas boas que ofrecer para que a xente entenda que vale a pena vir a Galicia todo o ano”, dixo, informa Europa Press.

Tras unha pandemia que “fixo a todos abrir os ollos”, explicou Rueda, “o que antes era necesario, agora é imprescindible”. “Hai que darlle á xente motivos para seguir viaxando”, engadiu.

Dentro deste turismo post covid-19, Alfonso Rueda puxo en valor este tipo de viaxes, en “espazos abertos”, en “contacto coa natureza” e que proporcionan “experiencias novas” en “sitios non masificados”. “Iso que hai moito tempo que nós ofrecemos, pero agora é o momento de pisar o acelerador”, destacou.