As festas na ditadura

Joaquim Ventura

A festa colectiva -sexa laica ou de raiceiras relixiosas- foi sempre un espazo de liberdade, exento das convencións sociais cotiás. Valga considerar, no cumio, os carnavais, onde a inversión de papeis sociais actuou sempre coma válvula de escape, como ben estableceu Mikhail Bakhtin cando estudou a obra de Rabelais. Pero se o entroido cae sempre en datas de frío, as festas patronais locais e as romarías adoitan celebrarse en datas con maior bonanza climática. E nelas o baile, maiormente na noite, era aproveitado por mozos e mozas para tentar establecer relacións futuras.

Pero ese ambiente de (relativo) descontrol nunca foi ben visto polas ditaduras. Máis alá da limitación das liberdades democráticas, os réximes autoritarios sempre tentan controlar o comportamento moral dos cidadáns, rebaixados a súbditos. E a ditadura franquista non foi allea a esta arroutada: quixo controlar as grandes festas e ergueu algunhas outras ex novo.

Este asunto ven de ser estudado na obra colectiva El franquismo se fue de fiesta, coordinada polos profesores C. Hernández Burgos e C. Rina Simón (Universitat de València). Este libro non abarca -non podería- a totalidade das festas españolas importantes. Cínguese ás Fallas, os Sanfermines, a Semana Santa andaluza, as festas maiores catalás, o Rocío, o Día de Asturias, as festas rurais de Mallorca, os Carnavais de Cádiz e mais o folclore da Sección Feminina. Quedan fóra, por sinalar algunhas, as festas do Apóstolo en Compostela ou as do Pilar en Zaragoza pero o esquema de controlalas e poñelas ao servizo da clase dominante resulta común a todas.

Unha primeira constatación na maioría das festas estudadas é a presenza dun compoñente relixioso. Este resulta especialmente salientable na Semana Santa andaluza, estudada polos editores do volume, que podemos facer extensivo a moitas outras manifestacións semellantes ao longo de España. Unha celebración que por simple evolución da laicidade social, comezaba a estar baixo mínimos cando se proclamou a Segunda República. Nos anos seguintes, a ausencia de procesións nas rúas foi a tónica, limitada a celebración ao interior dos templos. Pero coa vitoria franquista supuxo que os pasos procesionais ocupasen de novo as rúas, tanto polo estímulo das novas autoridades como pola actitude popular de contrición ou de disimulo. Unha celebración que acadou un nivel de espectáculo turístico que, xa en democracia, resultou imposible reducir á dimensión que sería lóxica: as irmandades que saen en procesión actúan de elemento de articulación social incruenta, fronte ao papel semellante -pero sentimentalmente cruento- que exercen os equipos de fútbol.

Un caso semellante ao da romaría do Rocío. O que era unha celebración de devoción mariana máis, pasou a fenómeno de masas e de promoción social (con asistencia pagada con cretos) con fortes doses de conservadorismo que a chegada das liberdades non conseguiu eliminar.

Un caso singular de colocar as festas populares ao servizo e proveito daqueles que coa ditadura pasaron a mandar é o das festas catalás e mallorquinas, que poderíamos facer extensiva ás diversas festas patronais valencianas: a elección de raíñas ou pubilles das festas, de falleras ou de calquera outro título semellante adoitaba premiar as fillas dos xerifaltes locais ou rexionais ou dos diversos empresarios que axudaban a pagar as festas. Un asunto que resultou paradoxal foi o dos castellers cataláns, tradición limitada ás terras de Tarragona, alcumados polas autoridades franquistas coma fenómeno folclórico como “Xiquets de Valls”. A súa posterior proliferación xa nos anos de democracia conduciu a que esta manifestación acadase a consideración de patrimonio inmaterial da Humanidade pola Unesco.

Unha alegría festiva controlada que dalgún xeito foi conformando unha poboación resignada que, malia todo, foi atopando saídas para acadar un certo autocontrol que permitía escapar da vixilancia das autoridades locais. Sería o caso das festas da antiga vila de Gràcia, na cidade de Barcelona, organizadas por grupos de veciños de diversas rúas do barrio. Pero despois de corenta anos de democracia, algúns sectores seguen sen entender o que é a separación entre manifestacións civís e relixiosas, por ben que estas poidan formar parte das festas.

Joaquim Ventura