As pulsacións da literatura tralo covid mídense na segunda xornada do Flaz de Allariz
Ourense. Allariz reúne na primeira fin de semana de xullo algúns dos nomes máis estimulantes da literatura galega e española dos últimos anos. O 1º Festival Literario de Allariz (Flaz) celébrase durante os días 1 e 2 de xullo con encontros nos que participan Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero. Por que, como e para que escribir hoxe en día serán cuestións centrais, que compartirán estas seis figuras da literatura actual. Dous días para dialogar, entre eles e co seu público lector, nun novo festival promovido pola libraría Aira das Letras e o Concello de Allariz. O Flaz preséntase o mércores 15 xuño en Allariz.
Seis nomes que reúnen a atención da crítica nos últimos anos e, sen dúbida, boa parte dos galardóns literarios máis coñecidos. Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero pertencen a diferentes xeracións e abordan a súa relación coa escrita desde xéneros e ángulos diversos: poesía, narrativa, ensaio, xornalismo, tradución, etc. En Allariz tratarán a vivencia das súas diferentes traxectorias literarias e, de seguro, cales son puntos de encontro entre elas.
Emma Pedreira e Juan Tallón abriron este pasado venres o Flaz cunha primeira conversa titulada Por amor á arte. Por outra banda, na xornada de este sábado quen sentan xuntos son o último Premio Nacional da Crítica en lingua galega 2022, Diego Ameixeiras, e o narrador madrileño tamén varias veces premiado José Ovejero, para falar sobre O suspense na literatura actual (12:00). O convivio literario do Flaz reúne na súa sesión final a todas as figuras convocadas para que respondan á pregunta: Para que serve hoxe a literatura? (18.30), mesa redonda que pecha esta primeira edición do festival. REDACCIÓn