Axuda directa de 350.000 euros para a mellora das salas de cine

Ten como obxectivo a viabilidade dos cinemas// O novo apoio destinarase á adaptación dixital e sanitaria e a campañas para a captación de espectadores
Cine
Irene Jiménez
Ambigú dunha das salas de exhibición cinematográfica en Galicia. Foto: XdeG

Con 350.000 euros dotou a Xunta unha liña de subvencións que por vez primeira terá como destinatarias directas as empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte as bases desta nova convocatoria, dirixida a apoiar proxectos de adaptación das salas de cinema, así como á súa programación e actividades de promoción.

A iniciativa completa a política de apoio ao sector audiovisual que se canaliza a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e supón unha inxección económica para a viabilidade destes cinemas, un dos ámbitos claves do sector audiovisual galego, pero tamén un dos máis afectados pola crise sanitaria a diferentes niveis: a diminución dos seus ingresos directos tanto nos momentos de peche como nos de limitación da capacidade, a redución das estreas e circulación internacional de filmes e os cambios de hábitos no consumo audiovisual derivados do crecemento das plataformas dixitais durante a pandemia.

Segundo se detalla no DOG, estas subvencións serán concedidas en réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que as contías distribuiranse cuns límites fixos en función do número de pantallas dos cinemas, primando as salas situadas en localidades de menos de 25.000 habitantes e a proxección de filmes en versión orixinal.

A súa publicación chega despois de que o Consello da Xunta do pasado 15 de abril autorizase esta convocatoria incluíndo a realización pagamentos anticipados de ata o 90% das contías concedidas, así como a exención de constituír garantías nestes casos.

Esta nova vía de apoio, consensuada cos representantes das propias salas, insírese nos obxectivos asumidos polo Goberno galego a través do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos da COVID-19, especialmente no que se refire á reactivación da actividade e ao mantemento do emprego. Dentro desta mesma dinámica, as salas de cinema contaron o ano pasado cun programa extraordinario de apoio por importe de 120.000 euros.

As contías que se outorgarán este ano destinaranse especificamente á adaptación dixital e sanitaria dos espazos, a campañas para a captación de públicos e para a promoción do audiovisual galego, ao reforzo da programación de producións galegas e europeas e a accións especiais, como descontos ou convites, dirixidas á infancia, á xuventude e a colectivos profesionais recoñecidos polo seu labor durante a pandemia.

Na actualidade, operan en Galicia 12 empresas exhibidoras de cinema, que dan emprego directo a máis de 250 persoas. Dez delas son entidades independentes con sede social na nosa Comunidade, que xestionan 31 salas e suman 114 pantallas, mentres que as dúas restantes corresponden a empresas de salas comerciais de cadeas de ámbito estatal. Con esta convocatoria recoñécese, pois, o seu papel no conxunto do sector e refórzase o programa de subvencións ao audiovisual galego.