Caen as demandas de ruptura matrimonial en Galicia

Durante 2020 descenderon un 6,8 % respecto ao ano anterior // A comunidade, no cuarto trimestre, sitúase en 5,7 peticións por cada 10.000 habitantes, por debaixo da media do resto de España
Separacións e divorcios
Ramón González
Os divorcios consensuados pasaron de 3.184, no ano 2019, a 2.900, en 2020. Foto: Pexels

O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia en 2020 descendeu con respecto a 2019. O ano pasado nos xulgados da comunidade rexistráronse 5.180 procedementos deste tipo, un 6,8 % menos que no período anterior, cando se contabilizaron 5.560, segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Os divorcios consensuados pasaron de 3.184, no ano 2019, a 2.900, en 2020, o que supón un descenso do 8,9 %. Os non consensuados tamén baixaron un 16,6 %, de 2.516 a 2.098. O ano pasado contabilizáronse 125 separacións de mutuo acordo, un 19,9 % menos que en 2019, cando se rexistraron 156. O informe tamén reflicte unha diminución dun 10,9 % das separacións contenciosas, ao pasar de 64 a 57. En 2020 interpuxéronse dúas peticións de nulidade matrimonial, as mesmas que no exercicio anterior.

Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación ao 1 de xaneiro de 2020, Galicia, no cuarto trimestre do ano, situouse en 5,7 peticións por cada 10.000 habitantes, por debaixo da media estatal (6,1).

O ano pasado iniciáronse 573 procedementos de modificación de medidas de mutuo acordo, un 8 % menos que en 2019, mentres que as demandas de modificación de medidas non consensuadas foron 1.596, o que supón un descenso do 11,4 %.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse o ano pasado 1.037 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supón un aumento do 14 % con respecto ao período anterior. As demandas non consensuadas, pola contra, descenderon, pois pasaron de 1.325, en 2019, a 1.227, en 2020, un 7,4 % menos.