Chega a Galicia a oscarizada instalación de realidade virtual ‘Carne y arena’, de G. Iñárritu

A proposta do cineasta mexicano explora a condición humana das personas migrantes e refuxiadas, poderá visitarse no Gaiás
Realidade virtual
Luis Montero
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, centro, na presentación da instalación ‘Carne y arena’. Foto: Lavandeira jr/Efe

A instalación inmersiva de realidade virtual Carne y arena (Virtualmente presente, Físicamente invisible), un proxecto do cineasta mexicano Alejandro G. Iñárritu que explora a condición humana das persoas migrantes e refuxiadas, chega a Galicia da man do Goberno galego.

Trátase dun proxecto que poderá visitarse este verán na Cidade da Cultura de Galicia.

Compostela convértese así na primeira cidade da península en acoller esta experiencia, galardoada cun Óscar especial da Academia de Cine de Estados Unidos.

É unha iniciativa producida por Legendary Entertainment, Emerson Collective e Fondazione Prada, en colaboración con PHI Studio, que chega á comunidade da man da plataforma cultural 90_20 e encadrado na programación do Xacobeo 21-22.

Carne y arena foi presentada este martes pola mañá no Museo Centro Gaiás polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen amosou a súa satisfacción por que “Galicia se converta no primeiro punto da península que ten a oportunidade de acoller esta instalación, que conxuga unha dimensión tecnolóxica seguramente nunca antes vista en España e unha calidade artística avalada pola Academia de Hollywood ou o Festival de Cine de Cannes, onde se presentou en 2017 como o primeiro proxecto de realidade virtual estreado neste certame”.

Na súa intervención, o titular de Cultura do Goberno galego salientou, ademais, a dimensión internacional dun proxecto que visitou grandes cidades como Milán, Amsterdam, Montreal, Dallas, Washington D. C., Los Ángeles ou Cidade de México, e “que en Galicia nos conecta especialmente coa nosa realidade local, co noso pasado, xa que a emigración na procura dunhas mellores condicións de vida foi a triste realidade á que tiveron que enfrontarse milleiros de galegos e galegas ao longo da historia”.

Testemuñas de centroamericanos. Pola súa banda, o seu director, Alejandro G. Iñárritu, sinalou sobre Carne y arena -na súa estrea- que “durante o desenvolvemento deste proxecto, tiven o privilexio de coñecer e entrevistar a moitos inmigrantes e refuxiados mexicanos e centroamericanos: as súas historias de vida perseguíanme, así que convidei a algúns deles a colaborar comigo. A miña intención era experimentar coa tecnoloxía para explorar a condición humana nun intento por romper coa ditadura do encadre e permitir así ao visitante unha experiencia directa, camiñando nos pés do inmigrante, por debaixo da súa pel, e dentro do seu corazón”, explicou.

“Durante esta experiencia, realista e irreal a un tempo, o noso cerebro e a maioría dos nosos sentidos póñense a proba. Ningunha experiencia en Carne y arena é a mesma que para outro visitante”, segundo engadiu o cineasta mexicano ao respecto.

Durante a presentación do proxecto en Galicia, encadrado na programación do décimo aniversario do Museo Gaiás, interveu tamén a través de videoconferencia o cofundador de 90_20, David Ramírez. O acto contou tamén coa presenza do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Camiñar nos seus pés. Nesta experiencia, os participantes experimentan en profundidade un fragmento das viaxes nas que se adentran as persoas refuxiadas.

Deseñada como unha travesía en solitario para unha persoa, xira arredor dunha secuencia de realidade virtual experimentada por tres visitantes simultáneos en salas separadas, con tecnoloxía inmersiva de vangarda.

Carne y arena crea un espazo multinarrativo de luz con personaxes humanas e secuencias de extremo realismo que trasladan ás persoas visitantes, descalzas sobre a area, a un escenario de persecución a través do deserto.

Termos como “rompedora”, “brillante”, “conmovedora” ou “unha das primeiras obras mestras de realidade virtual” foron algúns dos cualificativos que esta iniciativa recibiu durante a súa xira internacional por parte de cabeceiras como The New York Times, Forbes ou o The Washington Post.

Polas especiais e exclusivas condicións da instalación, con capacidade para acoller a só tres visitantes por quenda –e un total de 75 por día–, as prazas son moi limitadas.

Desde este martes poden xa mercarse as entradas para as sesións do próximo mes de xullo, a un prezo de 9 euros máis gastos de xestión, a través de Ataquilla.

A entrada non está permitida a menores de catorce anos e tampouco recomendada para persoas con problemas cardíacos, lumbares, antecedentes de convulsións, epilepsia ou sensibilidade ás luces intermitentes.

Recoméndase consultar todas a información sobre as condicións de acceso na web da Cidade da Cultura.