Chenoa e Xabier Vizcaíno, protagonistas en ‘Bamboleo’

Membros do Compostela Judo Club entre os convidados deste formato semanal da TVG que presenta Xosé Manuel Piñeiro
Televisión
Redacción ECG
MÚSICA. Chenoa e Xabier Vizcaíno, cantantes convidados hoxe en Bamboleo. Foto: G.

Santiago. Bamboleo chega este sábado ás pantallas de TVG coa variedade musical, o humor e o entretemento como protagonistas. Xosé Manuel Piñeiro estará acompañado do equipo de colaboradores habituais: Claudio Pan, Tamara e Isi.

Bamboleo contará cunha convidada moi especial, unha muller que hai preto de vinte anos se meteu nos nosos fogares para non saír máis: a gran Chenoa.

A artista saltara á fama tras formar parte da primeira edición de OT e conseguiu manterse no máis alto do panorama musical español. Chenoa cantará os seus temas máis actuais e comentará os seus proxectos, adaptados aos tempos que corren, como un concerto en realidade virtual.

O músico e compositor de O Incio: Xabier Vizcaíno, será outro dos convidados do programa. Ofrecerá un adianto do seu novo álbum Neno de Monte, un libro-disco co que rende homenaxe ao medio rural.

A Orquestra Barceló transformará a noite de sábado nunha verbena ao novo uso coas súas versións musicais, mentres que no Dirtidansi, a parella de Valladolid formada por Saúl e Lorena, ofrecerán dúas fermosas coreografías de danza contemporánea.

No Agora ou nunca, dúas mulleres moi novas vanse estrear cantando diante das cámaras. Serán Marta Vidal e Marta López, que interpretarán respectivamente os temas Lost on you de LP e Tusa de Karol G. O karaoke de A Jrileira medirá as habilidades á hora de entoar de Nerea, do Club Patín Vagalume Celtamotor de Vigo, e de Lorena, do Compostela Judo Club. Tocaralles cantar ¿Quién piensa en ti?, un tema co que o cantante Gonzalo representara a España no Festival da OTI. A continuación, deberán adiviñar intérpretes de cancións, coa axuda dun compañeiro do club.

A ITV Do Amor chegará cara o final do programa e porá a proba a Gabi e a súa parella, que terán que enganar o participante do público para conseguir o premio en xogo.

Por outra banda, na noite de Defuntos, a TVG emite o documental George Romero: zombis e Santa Compaña a través da primeira canle, na G2 ás 23.30 h. Trátase dun documental sobre a figura do director de A noite dos mortos viventes (1968), película pioneira do xénero zombi do cine americano. A tese é que Romero, que era neto de galegos, se inspirou para este filme nos relatos familiares sobre a Santa Compaña.

Durante décadas, os afeccionados galegos cultivaron a lenda de que George A. Romero, de moita fama no cinema de terror norteamericano, tiña orixes galegas. Aos poucos, o que parecía unha fabulación foi tomando corpo con sucesivas pescudas dos investigadores e confirmouse que a familia do chamado rei dos zombis era de aquí.

Títulos tan coñecidos da industria norteamericana como Zombi (1978), Creepshow (1982) ou A metade escura (1993) terían influencias da nai Galicia. Con este documental, a produtora Formato, por iniciativa do seu produtor executivo, Andrés Barbé, incide no tema, achegando novos datos e entrevistando un dos parentes do mítico realizador (falecido no Canadá en 2017), que é, nada menos que Guillermo Escrigas, historiador e director do CGAI (Centro Galego das Artes da Imaxe) durante a última década, que contará as súas lembranzas de infancia sobre o tío George. ECG