Chus Pato: “Os poemas de Xela Arias foron sempre dialéctica en repouso”

Xunto con María Xesús Nogueira e Alba Cid, ofreceu novas olladas da protagonista das Letras
Letras Galegas
Redacción ECG
Leobalde, esquerda, Freixanes, Castaño, Cid, Pato, Nogueira, Lastra, Mirás, Rodríguez, Porto, Aleixandre, Gil, Arias Castaño, Lorenzo e Porto no Simposio Xela Arias. Foto: RAG

A Coruña. A segunda xornada do Simposio Xela Arias profundou onte na voz poética da protagonista das Letras Galegas 2021 da man de dúas poetas de distintas xeracións, a académica Chus Pato e Alba Cid, e da crítica literaria María Xesús Nogueira, nunha mesa moderada pola escritora e tradutora Mercedes Leobalde.

O acto arrincou cunha lembranza do académico Darío Xohán Cabana, falecido onte, e rematou coa actuación musical da Banda da Loba, que no seu último disco, Hasme oír, converteu en cancións poemas da homenaxeada.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, abriu o acto xunto ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Víctor F. Freixanes recordará a Darío Xohán Cabana, cuxa lembranza da protagonista das Letras Galegas 2021 se escoitou na xornada do Simposio Xela Arias do pasado xoves na voz da académica Marilar Aleixandre.

Sobre a visibilidade da obra da homenaxeada reflexiona tamén Chus Pato. A súa, apunta, foi unha obra “escasamente lida” nos anos nos que se publicou. “Hai obras que tardan en acadar a lexibilidade e este parece ser o destino dos libros da nosa autora. Os poemas de Xela Arias foron sempre dialéctica en repouso, pero é agora cando ao achegarnos a eles comprendemos a marca do cognoscible, do que xa na súa liberalidade podemos ler porque entre esta escritura e nós xa non existe continuidade”, expresou.

Pola súa banda, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria María Xesús Nogueira analizaou na súa intervención a visión da escrita de Xela Arias expresada en textos autopoéticos, conferencias ou entrevistas.

“As reflexións que sobre a poesía foi deixando ao longo do tempo en soportes diversos permiten a reconstrución dun discurso metaliterario que non só define claves da súa poética senón que a sitúa nunhas coordenadas estéticas e ideolóxicas”, explicou a editora de Poesía reunida (1984-2003). Xela Arias.

“Das primeiras salienta a importancia da linguaxe ‒a palabra‒ nun constante exercicio de indagación ‒experimentación‒ baseado na liberdade. Das segundas, a conciencia de estar a escribir desde unha condición, a de muller, e nunha lingua minorizada. E, de pano de fondo, a subversión da orde estabelecida, a denuncia dos falsos equilibrios, o cuestionamento da orde das cousas, tamén dos termos e as etiquetas”, engadeu.

Os textos analizados por María Xesús Nogueira deron conta tamén do afán de independencia da escritora e da dificultade de acomodar a súa poética nunha xeración concreta, un aspecto no que se detivo a gañadora Premio Nacional de Poesía Joven 2020.

Alba Cid percorreu as coordenadas culturais de Xela Arias, que comezou a publicar poesía nunha década, a dos 80 “en que se esboroan moitas das loitas contraculturais ensaiadas nas décadas precedentes”; e convidará a repensar o seu encadre respecto das grellas xeracionais da poesía galega do momento.

A poeta propón calibrar a súa declaración de orfandade xeracional e esquivar “inercias ben coñecidas” que, máis que situala, acaban por ocultala”. redacción