Clásicos de agora: outra aventura do elefante Elmer

Libro
Marta Neira

Logo de Elmer e Elmer e o osiño perdido, a editorial Kalandraka acaba de publicar na colección Tras os montes, con tradución ao galego de Xosé Manuel González, o álbum Elmer e Wilbur, unha nova aventura deste peculiar elefante creado polo afamado David McKee (Reino Unido, 1935), inspirado na obra de Paul Klee, que defende a diversidade á vez que promove valores como a xenerosidade, a cooperación na resolución de problemas, a empatía e a amizade.

Nesta ocasión, o elefantiño de cores Elmer debe atopar o seu curmán Wilbur, un peculiar e rechamante elefante a cadros brancos e negros que se atopa nun apuro. Coa axuda doutros elefantes, dará co paradoiro do trangalleiro Wilbur entre o arborado e, de volta á manda, gastaralle algunha chanza.

Unha obra clásica contemporánea con ilustracións cheas de cor que divertirá aos máis pequenos á vez que aprenden a aceptar e respectar a diferenza e se achegan á arte.

marta.neira@usc.es