Comeza en Galicia a rodaxe de ‘13 exorcismos’, con gran parte do seu equipo galego

As produtoras Bambú, Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends realizarán un gasto na nosa comunidade de 1,75 millóns de euros
Cinema
Luis Montero
Ramón Campos, Jacobo Sutil, Ruth Díaz e Urko Olazabal, na presentación. Foto: Conchi Paz

O equipo da película 13 exorcismos atópase xa en Galicia para iniciar este mércores a súa rodaxe, que concentrará a meirande parte das localizacións en Ourense.

A Xunta impulsa a filmación desta longametraxe de terror cunha subvención de 350.000 euros a través do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un dos grandes proxectos da Consellería de Cultura para o trienio 2021-2023.

Este investimento público implica, á súa vez, un compromiso de gasto de 1,75 millóns na comunidade por parte das empresas implicadas.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturas, Jacobo Sutil, quen participou na presentación desta nova produción galega, encabezada pola compañía Bambú Producciones xunto con Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends.

Ademais de Sutil, interviñeron no acto Ramón Campos, cofundador de Bambú e produtor executivo de 13 Exorcismos, e os actores Ruth Díaz e Urko Olazabal, premio á mellor interpretación masculina de reparto na pasada edición dos Goya. Ambos protagonizan o filme xunto a María Romanillos e Pablo Revuelta.

Na súa intervención, Ramón Campos cualificou o filme como a grande aposta de Bambú polo xénero da longametraxe de ficción para este ano, e expresou o seu contento e ilusión polas oportunidades para o audiovisual que se están brindando en Galicia. Neste sentido, indicou que os títulos galegos están cada vez máis presentes nas televisións nacionais e internacionais, “e iso é grazas a apostas como esta da Xunta”.

Ademais da cidade de Ourense e doutros puntos da provincia, o equipo tamén traballará en Ordes, onde recreará a casa familiar desta historia de terror, para a que os seus creadores se inspiraron no último caso de exorcismo documentado en España, no ano 2014.

Xunto con esta rodaxe cen por cen galega, o proxecto conta cunha ampla nómina de profesionais do país, que encabeza o director do filme, o coruñés Jacobo Martínez, recoñecido por ser o responsable de fotografía de series como Gran Hotel, Velvet ou Gran reserva, e que asume en 13 exorcismos a súa segunda dirección audiovisual despois da realizada para Jaguar.

Tamén forman parte do equipo galego a directora de produción, Tamara Soto; a xefa de perruquería, Mara Collazo, ou os propios produtores executivos, Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Sara Gonzalo, e varios membros do elenco interpretativo, como Cristina Castaño, e arredor de 350 figurantes.

13 exorcismos é un dos catro proxectos subvencionados a partir da primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes, dotada con dous millóns e coa que o Hub Audiovisual da Xunta botaba a andar en setembro de 2021.

Rapa e Argonautas, de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, son os outros títulos adxudicatarios desta liña de apoio, que terá continuidade cunha segunda publicación pola mesma contía.