Conmemora hoxe o Cpeig a XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Nunha gala con máis de 350 convidados, entregará os premios anuais da profesión
El Correo Gallego

Santiago. O Cpeig celebra este venres a XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, unha gala que terá lugar no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago, a partir das 19.00 horas, e na que se entregarán os premios anuais da profesión. Está previsto que máis de 350 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da administración pública, do ámbito universitario e profesionais do sector. É unha gala consolidada onde o colexio pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.

Esta edición será inaugurada polo presidente do Cpeig, Fernando Suárez, e contará coa asistencia do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o delegado Territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local de Santiago, Marta Abal; a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Mª del Pilar Murias Fernández; o reitor da UDC, Julio Abalde; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e os colexiados do Cpeig.

A gala será conducida por Raúl Pérez, humorista e imitador coñecido por moitos por ter colaborado no programa Late motiv de Andreu Buenafuente en Movistar 0.

Raúl (Madrid, 1976) é enxeñeiro técnico de Telecomunicacións en Son e Imaxe, pero abandonou este futuro estable para dedicarse á comedia.

Tamén se contará coa actuación do dúo musical Queen Forever Tribute.

O Cpeig constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional. Agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou licenciatura en Informática, desenvolven actividades da profesión en Galicia. Suma máis de 350 colexiados.

Polo que respecta aos premiados nesta gala, trátase da empresa galega Manfred, o proxecto Equipos @ -seis grupos especializados en ciberdelincuencia na Guardia Civil-, o videoxogo The Waylanders, o xefe da Subárea da Seguridade da Amtega, Gustavo Herva Iglesias; Unicef España/USC/CCII, o Congreso Internacional de Animación, Efecto Visuales y Nuevos Media Mundos Digitales e a compañía coruñesa Trison.

Con eles, as doutoras en Informática Núria Castell Ariño e Karina Gibert Oliveras, a IT4Ukrainians.com, a Estratexia Galicia Dixital 2030 e os programas #IMPACT da Fundación GoodJob.

Tamén serán galardoados a rede Dinapsis de Viaqua, o grupo SING de investigación biomédica e ciberseguridade da UVigo, Íñigo Luis López-Riobóo Botana, e Bernardo Quintero, recoñecido como colexiado de honra. ecg