Convocado o segundo concurso de banda deseñada ‘O garaxe hermético’

A Escola Profesional de BD de Kiko da Silva e Edicións Xerais organizan este certame
Comic
El Correo Gallego

Pontevedra. Despois do éxito da banda deseñada A proba de auga de Anémona de Río gañadora na 1ª convocatoria do certame dirixido aos alumnos de O Garaxe Hermético - Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración, Edicións Xerais e a Escola Profesional de BD de Kiko da Silva convocan o 2ª Concurso de banda deseñada O garaxe hermético.

Para participar hai que estar matriculado en 3º Curso Profesional de Banda Deseñada ou ser exalumno titulado no Garaxe Hermético. Hai que entregar un libro rematado de banda deseñada de 48 páxinas mínimo e máximo 72 páxinas, de temática infantil - xuvenil a cor, en lingua galega, antes do 30 de novembro de 2020.

O gañador obterá un contrato profesional e verá publicada a súa obra na colección Merlín Cómics de Edicións Xerais de Galicia. Este concurso é único en España, e xurde da colaboración de dúas empresas culturais, O garaxe Hermético e Edicións Xerais, para apoiar aos novos creadores de banda deseñada que se están a formar na única escola profesional de cómic que hai en Galicia. ECG