Crear e planificar os videoxogos centran os Diálogos confinados

É a sexta entrega do ciclo organizado polo Consello da Cultura Galega para a súa web
El Correo Gallego

Santiago. A sexta entrega do ciclo Diálogos confinados analiza o sector dos videoxogos. O director de Cultura-galega.gal, Manuel Gago, puxo a dialogar a Fernando Prieto, un dos responsables de Gato Salvaje Estudio, a empresa galega máis importante deste sector, con Carla Bolaños, estudante de mestrado e integrante de Digital Monster Collective, un colectivo multidisciplinar galego.

No transcurso da conversa abordaron a situación do sector en Galicia desde o punto de vista do potencial creativo existente pero tamén desde a reivindicación da necesidade de crear estruturas para poder conectar o talento co mercado. O vídeo xa está dispoñible desde a web do Consello da Cultura Galega

40 horas de xogo. 400 páxinas de guión. 40 persoas traballando. 3 anos de traballo. Son as cifras que tecen os vimbios de The Waylanders, un roleplay game que nos propón unha historia e un escenario en dous tempos: a Galicia celta do s. IV a.C. e a Galicia medieval ambientada no s. XII, un proxecto pioneiro non só en Galicia senón en España que verá a luz este mes de xuño. Detrás deste proxecto está Gato Salvaje Estudio, unha empresa galega que aposta polo talento local e a distribución no mercado internacional.

Un dos seus responsables, Fernando Prieto, participou neste Diálogo confinado e fixo fincapé no inmenso potencial creativo de Galicia pero tamén nas eivas. “Falta a estrutura, planificar os proxectos pensando en que teñen que chegar ao mercado” asegurou. Pola súa parte, Carla Bolaños é estudante do mestrado e UX Designer en Digital Monster Collective, un colectivo multidisciplinar galego centrado na produción de curtametraxes, animación e videoxogos. O seu traballo de Fin de Grado, Odal foi visto en distintos encontros de Santiago, Barce-lona e Madrid; é un xogo de plataformas que nos leva a un futuro distópico no que o malgasto de recursos obriga á protagonista, unha alquimista, a viaxar ao mundo subterráneo na procura dunha flor que, segundo conta a lenda, será capaz de devolver a maxia. Carla achegou o seu punto de vista como estudante e na conversa insistiu “na necesidade de crear vínculos entre a universidade e a empresa”, ademais de apostar polas subvencións como vía para sacar adiante proxectos.

Ambos os dous coincidiron en que a situación actual dificultou o seu traballo. “As redes non funcionan todo o ben que deberían” indicou Fernando e Carla engadiu que “falta a axilidade da reunión presencial”. Con todo, este sector ten as fases de traballo moi ben compartimentadas e, en pouco tempo, puideron ir afacéndose ás novas rutinas e sacar adiante os proxectos.

Fernando Prieto é Partner – General Manager de Gato Salvaje Estudio. O estudio lanza este mes de xuño The Waylanders, un xogo de rol que presenta un sistema innovador no que dá vida ás lendas das culturas celtas. Inspirado en xogos como Neverwinter Nights 2 e Dragon Age Origins, conta cun estilo innovador unha historia escrita por guionistas de primeiro nivel. Carla Bolaños é graduada en Comunicación Audiovisual e estudante do mestrado en Deseño, Desen-volvemento e Comercialización de Videoxo-gos da UDC. ECG