Divulgar a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán

Libro
Javier Cabo

Miro Villar (Cee, 1965) é doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, traballa como profesor de Lingua e literatura galega no ensino secundario, actividade que compaxina coa creación literaria. Ao longo da súa dilatada traxectoria cultivou distintos xéneros, como a poesía e a narrativa. Entre o amplo abano de obras que publicou para o público infantil e xuvenil, destacan títulos como O nariz de Fiz (Galaxia, 2009) ou Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012).

Dende o mes de xaneiro xa podemos atopar nos estantes das librarías a súa nova aposta literaria dirixida ao lectorado xuvenil, un ensaio publicado por Edicións Xerais de Galicia, na colección LibrosX co que pretende dar a coñecer a vida e obra do poeta homenaxeado co Día das Letras Galegas no presente ano 2022: o valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (Villamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks. Estados Unidos, 1987). Ao longo das noventa páxinas que integran Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, Villar ofrécenos un percorrido pola traxectoria vital do poeta, unha reflexión sobre as distintas propostas de encadramento xeracional que suscitou a súa figura, algunhas claves que facilitan a interpretación da súa obra -ao abeiro da teoría do macrotexto literario- e unha aproximación ao compromiso que sempre demostrou coa lingua galega.

Vemos, pois, que este ensaio é unha aposta literaria ben interesante para que a mocidade se aproxime non só ao poeta que este ano homenaxea a Real Academia Galega, senón tamén aos seus versos. Para finalizar, cómpre salientar que este ano é a primeira vez que se lle concederá o Día das Letras Galegas a un escritor da diáspora mexicana, o que sen dúbida resulta moi significativo.

ngardia@cirp.gal