Dous certames que premian a innovación científica e o uso do galego

Trátase de ‘Inventa en Galego’ e o de ‘Novos Poliedros’, que entregaron onte os seus galardóns
Redacción ECG

Santiago. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou a pasada mañá no Pazo de San Roque no acto de entrega da última edición dos certames Novos Poliedros e Inventa en galego, convocados co gallo do Mes da Ciencia en galego por IGACIENCIA -Institución Galega da Ciencia- coa colaboración da Xunta de Galicia para promover entre a mocidade a innovación tecnolóxica en lingua galega.

O representante do Goberno galego, que estivo acompañado no acto de entrega por Manuel Díaz, responsable de IGACIENCIA, así como polo alumnado e profesorado dos centros premiados, destacou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades “fomenta a creatividade en lingua galega en todos os ámbitos, porque a creatividade non se necesita só para facetas artísticas coas que adoitamos asociala, como a literatura ou a música, senón que é imprescindible no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.

Promoción da ciencia en lingua galega. No certame Novos Poliedros, que vai pola súa segunda edición, resultaron gañadores o instituto IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña, por partida dobre cunha clase de Bacharelato e outra de terceiro da ESO; o IES Carlos Casares, de Vigo; o IES de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol. Os gañadores, que expuxeron no acto de entrega os seus proxectos, recibiron un premio de 125€ por centro e un lote de libros como agasallo. REDAC.