Dúas citas extraordinarias para celebrar o equinoccio de outono

O festival de Alguén que respira! 2021 reúne este martes no Teatro Principal de Compostela a Olga Novo, Chus Pato, Eva Veiga, Luz Fandiño, Elvira Riveiro, Yolanda Castaño, Andrea Nunes, Luz Pichel, Alba Cid e Miriam Ferradáns // Un século de poesía galega e deZ poetas que o cruZan desde o tempo da II República. Ese é o escenario do recital ‘O ruído do lume’, que abre o día 21 o terceiro programa do festival // Diferentes espaZos da cidade acollerán o mércores 22 a sección ‘Atravesei a cerca’, con Séchu Sende, Javier Peñafiel e Castillo Suárez.
Poesía
El Correo Gallego
Antón Lopo é o director do festival

Un século de poesía galega e dez poetas que cruzan o século desde o fío da II República. Ese é o escenario de O ruído do lume, acción poética que o martes día 21 se celebra no Teatro Principal de Compostela dentro do programa do festival Alguén que respira! para setembro. A acción propón descubrir a poesía galega recente a través dalgunhas voces que a, precisamente, a converteron nun fenómeno internacional. Poucas oportunidades hai na vida de sentir nun mesmo espazo a Alba Cid, Andrea Nunes, Miriam Ferradáns, Yolanda Castaño, Elvira Ribeiro Tobío, Eva Veiga, Olga Novo, Chus Pato, Luz Pichel e Luz Fandiño. Ademais delas, estará a voz da poeta Ana Romaní, que será a introdutora do acto. O programa das dúas xornadas que celebra o festival en setembro preséntase este luns, 20 de setembro, nunha roda de prensa na Casa do Concello de Santiago. O acto comeza ás 10.30 horas e nel participan a concelleira de Acción Cultural. Mercedes Rosón e o director do festival, Antón Lopo.

Para esta terceira entrega do respira!, organizáronse dúas xornadas, os días 21 e 22, con dúas accións poéticas de estéticas moi marcadas. O ruído do lume [A palabra en combustión de dez poetas galegas] é o título do recital que acollerá o Teatro Principal o día 21 a partir das 19,30. Sobre o escenario, algunhas da voces que protagonizaron os procesos internos de axitación política e cultural . Pero tamén a progresiva internacionalización da nosa poesía. Unhas naceron na II República e outras co primeiro triunfo electoral de Manuel Fraga Iribarne. Unhas loitaron na clandestinidade, outras combateron a ditadura ou concorriron en listas electorais independentistas. Foron de raíz anarquistas, do combate identitario, de esculca performática e, mesmo, manteñen o finísimo fío sanguíneo con Rosalía de Castro. Pero todas, absolutamente todas, respiran.

As entradas para asistir a esta acción están dispoñibles só o mesmo día do recital. Non hai posibilidade de reservas previas. As persoas interesadas en asistir ao recital d O ruído do lume –con aforo para 135 asistentes– poderán retirar as entradas ese mesmo día 21 de setembro na Sala C da Praza de Cervantes, na web compostelacultura.gal ou na billtería do Teatro Principal desde as 18,30.

Atravesei a cerca

O día 22 de setembro, mércores, terá lugar a segunda xornada do programa de setembro, co título Atravesei a cerca. Habitualmente, esta sección esculcaba os

espazos ocultos do Teatro Principal, sede do festival. Pero nesta ocasión, decidimos saír do edificio e exteriorizar espazos pouco coñecidos (ou provados) da cidade. O perocrrido comezará no xardín do restaurante A Maceta, ás 19.30 cos versos de Séchu Sende. Prosigue pola terraza do centro sociocultural da Trisca co performer e activista aragonés Javier Peñafiel. E conclúe, ás 20.30 horas, co recital da poeta nabarra Castillo Suárez no museo de Berto Leis da rúa Pablo Leis, unha escondida calella que parte da Costa do Vedor. As 25 prazas de aforo para asistir a Atravesei a cerca distribuiranse por orde de chegada ao xardín da Maceta ás 19.30.

O festival

Nesta cuarta edición, Alguén que respira! celébrase ao longo do ano en catro programas, coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccións. O pasado 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– inaugurouse co recital + ou - 21 [anos], en referencia á idade media dos poetas que integran o programa. Contou coas voces de Iago González, Belén Senín, Maria Bras, Martin Bidaur, María Isern e Mario Obrero. En xuño, foi a quenda do performer portugués Miguel Azguime e dos regueifeiros Manuel Maseda, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Xurxo Souto.

O festival é unha iniciativa do Concello de Santiago co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Ademais de Antón Lopo na dirección, o equipo de organziación do festival conta con Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.