Eguileta encomia o papel da arqueoloxía municipal na protección dos xacementos

Considera a planificación urbanística como a ferramenta máis propicia para defender o patrimonio cultural e arqueolóxico
Patrimonio cultural
Luis Montero
Eguileta, segundo pola dereita na primeira fila, con parte dos asistentes ao acto. Foto: Pili Prol

O arqueólogo José María Eguileta Franco (Pontevedra, 1959) pronunciou este sábado o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) como académico numerario da Sección de Museoloxía e Arqueoloxía, titulado Planificación urbanística, arqueoloxía, protección e investigación no Concello de Ourense.

O acto, celebrado no Paraninfo do IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense, estivo presidido polo titular da Ragba, Manuel Quintana Martelo.

O novo membro de número foi contestado polo numerario da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía e secretario da institución, Felipe-Senén López Gómez. Asistiron tamén o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández; o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea Bouzo; o asesor do Concello de Ourense, Eloy Mojón; o deputado do PP Carlos Gómez Salgado; Pepe Araújo, Flora Moure e Luis Seara, dos grupos municipais de Ciudadanos, PP e BNG, respectivamente.

Canda eles, o académico da Real Academia Galega, Alfonso Vázquez Monxardín; a secretaria do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elvira Carregado; o director da UNED-Ourense, Jesús Manuel García Díaz, e Celia Pereira Porto, Antonio Blanco Rodríguez, Luís Martínez-Risco Daviña e Xosé Rodríguez Díaz, membros da Fundación Risco; ademais doutros académicos da institución e autoridades.

Manuel Quintana Martelo considerou unha satisfacción para a institución que unha persoa da súa relevancia, tanto académica como profesional, ingrese na academia tras ser elixido xa anteriormente académico correspondente, en maio do ano 2015, e demostrar a súa actitude de colaboración e traballo.

“O seu currículo é tan extenso como extensos poden ser o conxunto dos seus méritos que o fan merecedor, sen dúbida, para entrar a formar parte da nosa institución. En nome do pleno académico douche a máis sincera benvida co convencemento que a túa aportación á nosa academia será frutífera e necesaria”, engadiu ao respecto.

Emocionado, José María Eguileta comezou cunhas palabras de agradecemento para a Ragba, e lembrou ao académico de Arqueoloxía, Fernando Acuña, finado en 2016, o seu profesor e director da tese de licenciatura.

Tras ter escollido persoalmente o enclave para este acto solemne, Eguileta recoñeceu a honra que supón protagonizar a recepción no IES Otero Pedrayo, inaugurado en 1896 e ao que asistiron célebres alumnos como Florentino Cuevillas, o máis brillante arqueólogo e prehistoriador de Ourense e Galicia, Vicente Risco ou o mesmo Ramón Otero Pedrayo, o “cenáculo ourensán da Xeración Nós”, así como profesores da valía de Marcelo Macías.

Lembrou que este espazo naceu como Centro Provisional de Instrución e ao pouco tempo foi sede da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense desde onde traballaron investigadores de renome da época e se creou o Museo Arqueológico, como aínda se pode ler cunhas letras vermellas na fachada.

Como apunte persoal, compartiu unha anécdota da súa infancia, cando se debatía, con certas dúbidas, sobre o seu futuro profesional.

Barallou varias opcións: mariño e capitán de barco, xornalista e arqueólogo. E confesou que, grazas ao seu mestre Xaquín Lorenzo Xocas, e a súas narracións sobre escavacións xunto a Cuevillas, abriu a súa mente a esta ciencia. “Aprendín que o noso pasado formulaba tantos enigmas e cuestións de interese como os lugares que aparecían nos libros clásicos de arqueoloxía”, asegurou.

Falou da súa experiencia como arqueólogo en Ourense, onde realiza unha arqueoloxía de xestión, unha xestión do territorio como necesidade irrenunciable da humanidade para organizar o espazo habitado, aspecto que lembrou chegou ata hoxe coa protección do patrimonio arqueolóxico. “A planificación urbanística é a ferramenta máis propicia para protexer o patrimonio cultural, e con el, o arqueolóxico”, engadiu.