Encara o sector do turismo un ano moi esperanzado tras as magníficas cifras de 2021

Rueda constata tras a cita de Fitur o grande interese amosado polos visitantes estranxeiros de cara ao segundo ano Xacobeo
Turismo
Luis Montero
Reunións de traballo na última edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid. Foto: G.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou as “magníficas cifras” turísticas rexistradas por Galicia durante o pasado exercicio, que permiten “albergar moitísimas esperanzas” para consolidar a recuperación do sector para este segundo ano Xacobeo 2022.

Así o manifestou o tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo en declaracións aos medios recollidas por Europa Press, tras coñecer os datos de ocupación hostaleira do INE.

De acordo con estas cifras, os hoteis galegos rexistraron o pasado mes de decembro algo máis de 200.000 viaxeiros aloxados e 390.333 noites, unha cifra que triplica o mesmo dato de 2020.

En canto ao acumulado no 2021, as noites hostaleiras foron máis de 6,5 millóns, case un 85 % máis que en 2020, aínda que é un 27,6 % inferior ao 2019, ano prepandemia.

Se se suman os datos de establecementos hostaleiros e extrahoteleros entre xaneiro e novembro -último mes dispoñible-, a Xunta dá a cifra de 4,1 millóns de viaxeiros e case nove millóns de noites, o que sitúa a Galicia “como a segunda comunidade con mellor comportamento hostaleiro con respecto a 2019 en termos relativos, só superada por Asturias.

Para Alfonso Rueda, tendo en conta “as circunstancias” sanitarias do ano pasado, cuns primeiros meses “complicados”, son cifras que demostran que o sector turístico na nosa comunidade “é moi potente e ten unhas perspectivas espectaculares”.

Con estes números, Rueda alberga “moitísimas esperanzas” para o 2022, dado tamén o “éxito” que tivo a caseta de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid a semana pasada.

“Se a pandemia respéctanos, que esperemos que si, o ano 2022 en Galicia, co enganche ademais de todo un ano de Xacobeo, vai ser excepcional e podemos volver e mesmo superar as cifras do 2019”, asegurou o vicepresidente primeiro da Xunta.

De feito, destacou que a afluencia de visitantes estivo “bastante repartida” pola comunidade. “O novo turismo vai buscar espazos e destinos que non se buscaban antes da pandemia” e que implicarán “fuxir das masificacións”, tal e como explicou.

Por iso, o “enorme auxe” do turismo nacional o pasado ano non se traduciu, segundo afirmou o vicepresidente, en grandes masificacións que hai en “outros destinos turísticos máis clásicos en España”. “Todo o que é espazo aberto e natureza, en Galicia tivo moitísimo éxito”, engadiu neste sentido.

De cara ao segundo Ano Santo, Rueda constatou que as axencias de viaxe presentes en Fitur destacaban “o interese” do visitante estranxeiro con “reservas potentes a partir do mes de marzo”.

E é que, segundo datos que ofreceu, mentres en 2019 os peregrinos estranxeiros supuñan en torno ao 60 % do total, en 2021 foi “apenas o 10 %”. Por iso, considerou que “hai unha chea de xente doutros países que non veu o ano pasado e que en canto se recupere a mobilidade internacional vai vir” a Compostela.

Achega para A Mariña. A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo destina un millón de euros ao Plan de Sustentabilidade Turística da Mariña, para modernizar e adaptar este destino nos eixos da sustentabilidade e a dixitalización.