Estréase en Ourense ‘A lúa vai encuberta’, de Manuel María

O Teatro Principal acollerá as representacións esta vindeira fin de semana, os días 10,11 e 12
Teatro
María Hermida
Tito Asorey e Manuel Baltar xunto a outros profesionais na presentación da función. Foto: ECG

O Teatro Principal de Ourense estrea a montaxe teatral A lúa vai encuberta, a obra homónima de Manuel María, “un autor que esperta conciencia de país”, segundo salientou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación, celebrado este mércores no espazo teatral ourensán. A institución provincial patrocina as tres funcións que se desenvolverán na cidade de Ourente, que terán lugar esta próxima fin de semana, os días 10, 11 e 12 de setembro, unha obra que “amosa o compromiso de Manuel María coa nosa terra: Galicia, nación cultural”, remarcou o presidente Baltar, quen lembrou ademais que onte, precisamente se cumpren 17 anos do falecemento do autor lucense, “unha xornada na que tamén se conmemora o Día Internacional da Alfabetización, algo que entronca coa intelectualidade de Manuel María”, afirmou.

Por outra banda tamén recordou o presidente Baltar a relación que Manuel María tivo con Ourense e coa súa intelectualidade a través da súa ligazón coa Agrupación Cultural Auriense. Ademáis, tamén fixo referencia a súa obra A lúa vai encuberta dixo que relata entre as súas páxinas un período histórico concreto de Galicia, que abrangue os anos do estalido da Guerra Civil ata o ano 1992, “no que o poeta achega o seu punto de vista sobre historia, arte, amor e relixión, entre outros ámbitos”.

Manuel Baltar felicitou a Tito Asorey, aos actores e as compañías “polo que será unha magnífica estrea” e afirmou que Manuel María “segue a estar máis vivo ca nunca porque fomentamos os valores que puxo negro sobre branco para espertar conciencias”.

O acto de presentación contou tamén coa participación do director do espectáculo, Tito Asorey; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e o secretario da Fundación “Manuel María”, Alberte Ansede. Ademais, a presentación correu a cargo da actriz Melania Cruz.

A obra A lúa vai encuberta foi a gañadora do II Certame “Manuel María” de Proxectos Teatrais, unha montaxe que inicia en Ourense a súa xira por vinte e cinco concellos de toda Galicia. Esta é unha proposta teatral multidisciplinar a partir da que a equipa dialoga desde a nosa actualidade máis recente coa historia contemporánea de Galicia. Mesturando, deste xeitos, as formas de teatro popular como a farsa e o musical con esturutas e trazos contemporáneas como o audiovisual e o teatro documento. Esta iniciativa propón unha posta en escena dinámica e emocionante, que ten como motor a recuperación e a reactivación da memoria para tomar conciencia crítica da realidade.

Partindo da mirada coa que Manuel María selecciona e ordena pasaxes da nosa historia para levar a nosa atención tanto sobre as forzas activas como sobre as que foron ocultadas na historia de galicia. Así, a intención do proxecto é a de cuestionar o relato adquirido para, desde a experiencia vital, revisar os prexuízos, os tabús e os silencios que aínda prevalecen.

Esta é a primeira vez que este texto de Manuel María lévase a escena a través da representación profesional.

Tito Asorey dirixe esta co-produción que conta coa dramaturxia de Vanesa Sotelo e con música orixinal de Davide González, integrantes tamén do elenco xunto coa actriz Melania Cruz. Neste senso, completan a equipa artística nomes destacados da escena galega como son a iluminadora Laura Iturralde e o escenógrafo Carlos Alonso.

Este espectáculo é unha co-produción das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, a Casa-Museo Manuel María, o Centro Dramático Galego, así como a mostra Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Este proxecto escénico viaxará e pasará por un total de 25 concellos galegos durante os próximos meses tendo máis de 30 funcións xa concertadas nestes territorios.