Estudo para coñecer cal é o uso do galego nas redes sociais pola xente nova

A Xunta renova por catro anos a súa colaboración co ILG para dar maior continuidade a tres investigacións sociolingüísticas
Lingua Galega
Ramón González
Levaranse a cabo investigacións sobre o uso do galego dos mozos en WhatsApp. Foto: E.D.

A Xunta vén de dar luz verde ao convenio plurianual coa Universidade de Santiago (USC) co que o Goberno autonómico renova a súa colaboración co Instituto da Lingua Galega (ILG).

Trátase dun convenio de catro anos, fronte aos de dous anos asinados ata o momento, co que a Xunta dá maior estabilidade e consolida a súa colaboración cos equipos de investigación da USC para avanzar nos estudos científicos sobre o galego. En concreto, este convenio permitirá avanzar no coñecemento do uso do galego nas redes sociais pola xente nova, así como dar continuidade, consolidar e emprender novas investigacións sociolingüísticas.

A Xunta sufragará o 58 % do investimento para tres liñas de investigación nas que o Instituto da Lingua galega está a traballar nos últimos anos. Así, seguirase traballando no Atlas Lingüístico Galego, unha útil ferramenta para os investigadores que permite coñecer e actualizar a realidade lingüística de Galicia desde o punto de vista gramatical e léxico nas distintas partes de Galicia.

Asimesmo se afondará no estudo do uso da lingua galega nas novas xeracións. Neste sentido, continuarase cos estudos realizados nos últimos anos sobre a competencia escrita en galego do estudantado de Bacharelato. Tamén se levarán a cabo investigacións sobre as interaccións da xente nova en redes sociais ou en WhatsApp e Telegram así como sobre o mantemento e transmisión da lingua nas familias.

Do mesmo xeito, continuarase a analizar no patrimonio literario na historia. Consolidarase a base de datos documental desde a que se poderán poñer en marcha, entre outros, proxectos e investigacións interdisciplinares sobre a lingua, o notariado e outros ámbitos da escrita da Galicia medieval.

Investimento. O convenio desenvolverase desde este ano ata o 2024. Conta cun investimento global de 825.360 euros, dos que o Goberno autonómico achegará 480.000 euros.

Esta colaboración enmárcase no traballo da Xunta de Galicia pola dinamización e promoción da lingua galega en todos os ámbitos sociais. Nesta liña, a Xunta incrementou este ano o seu orzamento nun 53 % no ámbito da política lingüística, con melloras en campañas de normalización (+11 %), programas de promoción (+35 %), actividades de formación (+77 %) ou apoio a empresas editoras para proxectos en lingua galega, que experimentarán un incremento do 50 %.

Ademais, trabállase en retos fundamentais para a lingua galega no século XXI como no do fomento da transmisión interxeracional da lingua nas familias, os desenvolvementos tecnolóxicos que permitan interactuar en galego no mundo dixital e tamén nesta lexislatura España, a través do impulso de Galicia, ingresará na CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa).

Os resultados avalan a política lingüística da Xunta. De feito, nos últimos anos, o galego vénse reforzando. Hoxe na nosa Comunidade falan galego máis persoas que fai cinco anos, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística.

Ademais, o último informe PISA constata que Galicia é a comunidade autónoma onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade. De feito, o 96 por cento do alumnado afirma falalo bastante ben como para conversar con outras persoas, por diante das outras comunidades con lingua propia.